O BNG pregúntalle ao Sr. Negreira por que aínda non creou a Comisión Especial de Terrazas
A Coruña, 11 de agosto de 2014- O Grupo Municipal do BNG rexistrou esta mañá unha batería de preguntas para a resposta escrita en relación á aplicación da ordenanza que regula a instalación de terrazas na cidade co fin de saber máis sobre a Comisión Especial de Terrazas recollida na normativa e que tería como obxectivos o seguimento, asesoramento, coordinación e control da aplicación e desenvolvemento da ordenanza.
Un ano e medio despois de aprobar o PP en solitario a normativa municipal, nada se sabe da anunciada comisión. E isto, a pesar de que a disposición adicional segunda da ordenanza sinala que Mediante Decreto del alcalde, se procederá a la creación de una Comisión Especial de Terrazas para el seguimiento, asesoramiento, coordinación y control de la aplicación y desarrollo de esta ordenanza reguladora. En el citado Decreto se determinará su naturaleza, funciones, y composición.
Ademais, en comunicado de prensa de 6 febreiro de 2013, o Goberno do Sr. Negreira presumía de que constituiría unha Comisión Especial de Terrazas na que estarían presentes as federacións de veciños, a asociación provincial de hostalería e asociacións de persoas con problemas de mobilidade para que entre todos se sume. "Este órgano crearase para seguimento, asesoramento, coordinación e control da aplicación da ordenanza, e tamén pretende ser un foro de diálogo, de consenso e de posta en común para alcanzar os obxectivos que o Goberno local fixou", sinalaba o Goberno municipal na nota.
Ademais de preguntarlle sobre a creación da comisión, sobre a súa composición e polos motivos do atraso da súa constitución, o Grupo Municipal do BNG pregúntalle ao Goberno do Sr. Negreira polo número de estabelecementos de hostalaría que teñen permiso para instalar terrazas na actualidade e canto ingresou o Concello en concepto de taxa pola ocupación de solo público por parte das terrazas.