O BNG reclamará en Pleno, a través dunha moción e dunha pregunta, que o San Xoán sexa festivo local

O BNG reclamará en Pleno, a través dunha moción e dunha pregunta, que o San Xoán sexa festivo local

A Coruña, 22 de xuño de 2013.- O BNG da Coruña agasallou esta mañá a veciñanza con ramos de fiuncho, menta, romeu, ruda, malva, herba luísa, santa maría, pampillos amarellos, figueira, castiñeiro, nogueira, espadaina... as coñecidas como “herbas de San Xoán”, co fin de reivindicar un 24 de xuño festivo local a efectos laborábeis e de forma permanente. De feito, o Grupo Municipal do BNG reclamará no vindeiro Pleno ordinario de xullo, a través dunha moción e dunha pregunta oral, que o Concello da Coruña declare o 24 de xuño festivo local, tal e como adiantou, en declaracións aos medios, o portavoz nacionalista, Xosé Manuel Carril, que participou no reparto de herbas de San Xoán acompañado da concelleira Avia Veira e de militantes do BNG.

Deste xeito, o Grupo Municipal do BNG emprazará o Goberno do Sr. Negreira a declarar festivo local o 24 de xuño, xornada que no pasado ano caeu en domingo e que este mesmo ano é festivo autonómico de xeito puntual. No 2014, o 24 de xuño, que cae en martes, xa non será festivo autonómico. Dos 14 feirados que hai ao ano, 2 son elexidos por cada concello, e dos outros 12 restantes, 9 son de carácter obrigado e tres poden ser substituídos polas autonomías. Ademais, se algún deses festivos cae en domingo, a autonomía pode substituílo ou ben polo luns seguinte ou por outro día que elixa a propia comunidade autónoma, que foi o que aconteceu este 2013 co 24 de xuño.

Pedimos un San Xoán festivo local de xeito permanente, e non circunstancial, dado o alto nivel de implantación e enraizamento desta festa galega e popular nos barrios da nosa cidade

En declaracións aos medios, Carril puxo de manifesto que “pedimos unha solución permanente, e non circunstancial, porque o San Xoán debe ser festivo local nos próximos anos, dado o alto nivel de implantación e enraizamento desta festa galega e popular nos barrios da nosa cidade”. Precisamente, o programa co que o BNG concorreu ás eleccións municipais, un programa elaborado conxuntamente cos movementos sociais da cidade, recollía, expresamente, o compromiso de declarar festivo local o 24 de xuño.

A propia Xunta de Galiza ten sinalado, en resposta a preguntas do BNG, que “hai que estar ao que digan os Concellos”. Por iso, as nacionalistas esperan que o Goberno do Sr. Negreira escoite o clamor da veciñanza e apoie, ao igual que o resto dos grupos políticos, a moción do BNG. De tombar o PP o debate da moción, o Goberno municipal tería que responder á pregunta oral que formularán as nacionalistas para saber se vai implantar o 24 de xuño como xornada festiva na nosa localidade.

Unha festa galega, popular e de barrios

As nacionalistas tamén reivindicaron esta mañá o carácter galego, popular e de barrios do San Xoán na nosa cidade. Por iso, emprazan o Goberno municipal a deixar de perverter e desnaturalizar esta festa, que forma parte da tradición e do patrimonio cultural da nosa cidade.

O folleto entregado polo BNG xunto ás herbas recolle as principais prácticas populares ao redor desta festa. No San Xoán, as plantas acadan o mellor das súas propiedades curativas, ficando en auga, ao orballo da noite e ao bico da lúa. Estas herbas transmiten os seus poderes benéficos e máxicos para esconxurar meigallos e feitizos e para curar doenzas. Secas, gárdanse todo o ano e pódense empregar para curacións e picaduras velenosas queimándoas e afumando con elas. Sobre a lumeirada, as lendas populares do noso pobo din que afumarse nela afasta dos malos agoiros e das bruxas, ademais de liberar do mal de ollo e das envexas.

 

 

 

O BNG reclamará en Pleno, a través dunha moción e dunha pregunta, que o San Xoán sexa festivo local