O BNG pídelle ao Goberno municipal que actúe ante os vertidos da depuradora de Bens

O BNG pídelle ao Goberno municipal que actúe ante os vertidos da depuradora de Bens

A Coruña, 6 de novembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG, a través da súa concelleira Ermitas Valencia, vén de presentar unha serie de preguntas para a resposta escrita na que se interesa polos novos vertidos químicos desde a depuradora de Bens ao mar. Foron os veciños e veciñas do Portiño quen deron a voz de alarma sobre estes refugallos procedentes da depuradora, que trata a meirande parte das aufas fecais da Coruña e da comarca. Non é a primeira vez, sinala Valencia na iniciativa, que se detectan vertidos nesta área, onde tamén se faena.

Neste contexto, a concelleira do BNG pregúntalle ao Goberno municipal se é consciente destes vertidos da depuradora á primeira liña de costa, se ten previsto adoptar as medidas necesarias para que non se volvan repetir estas evacuacións. Valencia tamén pregunta se o Goberno municipal ten coñecemento de deficiencias no funcionamento da depuradora e cuestiónao sobre se ten previsto reclamar o saneamento da área de Bens.

O Grupo Municipal do BNG reclamou, en repetidas ocasións, a rexeneración da zona de Bens, co fin de poñer en valor esta zona e para crear postos de traballo de calidade. Os nacionalistas, facéndose eco das reclamacións do sector da baixura, do marisqueo, do percebe e da Confraría, recolleron esta proposta no programa co que concorreron ás eleccións de 2011. Valencia explica que esta é unha zona moi rica en recursos marisqueiros que acumula numerosa contaminación desde hai anos. Non esquece a nacionalista a rexeneración da ría do Burgo, unha demanda tradicional do BNG, que aínda onte en Pleno criticou que o Goberno central non lle dedique nin un só céntimo nos orzamentos xerais.

 

 

O BNG pídelle ao Goberno municipal que actúe ante os vertidos da depuradora de Bens