O BNG denuncia que a implantación da Administración electrónica exclúe as persoas con menos recursos
A Coruña, 12 de febreiro de 2014.- O Grupo Municipal do Bloque Nacionalista Galego advirte de que o Goberno local á vez que implementa a Administración electrónica debería, ao mesmo tempo, garantirlle a todo o pobo coruñés o acceso ás TIC.
As nacionalistas poñen de manifesto que as últimas medidas tomadas polo Goberno do Sr. Negreira canto á renovación da páxina web de Servizos Sociais ou o recente contrato do Smart Coruña para implementar a Administración Electrónica non van acompañadas de medidas que garantan a accesibilidade de toda a cidadanía nin ás TIC nin á Internet.
É incríbel que Servizos Sociais pretenda fomentar que as persoas usuarias pidan cita por Internet cando parte delas non teñen nin cubertas as súas necesidades básicas
Avia Veira salienta que é incríbel que Servizos Sociais pretenda fomentar que as persoas usuarias pidan cita por Internet cando parte delas non teñen nin cubertas as súas necesidades básicas e pregúntase se o Sr. Lorenzo pensa que unha persoa a piques de ser desafiuzada, ou que leva anos no paro sen prestación de ningún tipo pode acceder á Internet para pedir a súa cita nos Servizos Sociais.
O Bloque Nacionalista Galego, que levaba no programa co que concorreu ás eleccións municipais o compromiso de dotar os centros cívicos dos medios precisos e do persoal formado necesario para que as persoas con dificultades de acceso á novas tecnoloxías poidan realizar trámites electrónicos, denuncia que o Goberno Municipal dá por feito que todo o mundo ten un ordenador na casa con acceso á Internet ou un smartphone, cando non é así.