O BNG apoiará a moción da ILP impulsada pola CIG sobre medidas para a creación de emprego
A Coruña, 11 de febreiro de 2014.- Esta mañá, o Grupo Municipal do BNG, a través dos seus concelleiros Xosé Manuel Carril e María Xosé Bravo, mantivo un encontro co secretario comarcal da CIG, Xabier Filgueira, e co secretario de organización, Xesús Bermello. Estes presentáronlle ao BNG unha moción que rexistraron o pasado venres para que o Concello da Coruña apoie a proposición de lei, por iniciativa lexislativa popular, de medidas para a creación de emprego en Galiza e solicitaron o seu apoio.
As cen medidas reflicten moi ben sectores estratéxicos para o desenvolvemento da Coruña e da súa comarca como o mar, a industria, o comercio ou a universidade
As nacionalistas manifestaron que apoiarían e rexistrarían nos vindeiros días a moción porque a proposición de lei impulsada pola CIG supón apostar polos sectores produtivos estratéxicos da nosa cidade e da nosa comarca, salientan. De feito, o portavoz nacionalista, Xosé Manuel Carril sinalou o BNG está totalmente de acordo coas cen medidas para a creación de emprego e estas van principalmente na idea de que hai outras alternativas e políticas para saírmos da crise e facer fronte ás políticas de empobrecemento do Partido Popular e son aquelas que apostan pola xustiza social e desde o marco da soberanía para Galiza.
Para o Grupo Municipal do BNG, as cen medidas concretas da proposición de lei e que teñen a ver con politica industrial e sectores produtivos, política laboral, política de emprego nos servizos públicos, política fiscal, política financeira e política de inclusión laboral e social teñen moito que ver coa cidade da Coruña e coa súa comarca. E é que hai sectores moi concretos na cidade e na comarca como o relacionado co mar, a industria, o comercio, a universidade, a hostelaría, sanitario... e ámbitos como o medioambiental, o enerxético ou as infraestruturas que están moi ben reflictidos na proposición de lei e se esta chegar a prosperar implicaría que a comarca da Coruña poida ser motor de desenvolvemento económico e social, sinalan as nacionalistas.
Apoiaremos a moción da ILP da CIG porque as medidas demostran que hai outras alternativas e políticas para saír da crise con xustiza social e desde o marco da soberanía
Por último, o Bloque Nacionalista Galego reivindicou que a situación nacional de Galiza vén en parte determinada pola situación da cidade da Coruña e da comarca e do espazo que vai da Costa da Morte até Ferrol e que esta proposición de lei pon de manifesto que non temos capacidade sobre os nosos sectores produtivos e, por tanto, demándase poder de decisión sobre os propios recursos e ao mesmo tempo que haxa outra política laboral acompañada de políticas industriais, fiscais, financeiras... ao servizo da Coruña, da comarca e do país.