Veira: O PP coa súa política obríganos a emigrar e retíranos a tarxeta sanitaria por estar fóra"
A Coruña, 19 de febreiro de 2014.- O Bloque Nacionalista Galego presentará no vindeiro Pleno do Concello da Coruña unha moción para garantirlles a asistencia sanitaria aos galegos e galegas que saian fóra do Estado español por máis de 90 días.
Desde 2010, 80.000 mozas e mozos abandonaron o noso país e ao Goberno do Partido Popular non lle chega con que os mozos e as mozas galegas nos vexamos obrigadas a emigrar, non é só que se nos bote da nosa propia terra porque non é posíbel ter un proxecto de vida e de futuro, porque non é posíbel vivir e traballar dignamente na nosa terra, senón que aínda por riba que temos que marchar déixannos sen asistencia sanitaria por estar fóra do Estado español máis de 90 días, salientou Avia Veira.
O Partido Popular no Estado está a impoñer unha vaga de recortes en dereitos sociais sen precedentes, entre elas a eliminación do dereito á atención sanitaria universal, por medio do Real decreto lei 16/2012, ficando reservado só para quen teña a residencia no Estado español e, con iso, negándollo a todas as persoas que se trasladan ao estranxeiro, que neste momento son moitas por motivos laborais debido tamén ás nefastas políticas económicas do PP que están a devastar os nosos sectores produtivos e a aniquilar a capacidade de xerar emprego en Galiza., sinala o BNG na moción.
Este novo recorte de dereitos aféctalle especialmente ás milleiras de mozas e mozos e ás persoas desempregadas que, ademais de verse obrigadas a emigrar, e van ser desposuídas do dereito á asistencia sanitaria por obra dos gobernos do Partido Popular
Para o Bloque Nacionalista Galego, e para a súa organización xuvenil Galiza Nova, o Sr. Feijóo non só parece non ter idea da situación real da mocidade, como demostrou nas súas recentes declaracións nas que dicía que a mocidade galega tiña un déficit de formación cando 80.000 mozas abandonaron o noso país nos últimos catro anos e a metade das tituladas universitarias ocupa un posto de traballo dunha cualificación inferior, senón que, diante desta decisión adoptada polo Goberno do PP no Estado de xeito unilateral a través do RDL 16/2012, semella que está disposto a aceptar calquera medida imposta desde Madrid sen importarlle o lesiva que poida ser para o pobo galego.
As nacionalistas procuran con esta moción que o Pleno da corporación municipal, por unha banda, rexeite a exclusión da atención sanitaria pública as persoas que permanezan máis de 90 días fóra do Estado nun ano natural ou non residentes no Estado español, adoptada polo Goberno do Estado no Real decreto lei 16/2012; por outra banda, instar a Xunta de Galiza a que demande do goberno do Estado a derrogación desta medida e traslade o seu rexeitamento; e, por último, instar a Xunta de Galiza a que mentres non se proceder a derrogar o real decreto lei asuma e garanta a atención sanitaria dos galegos e galegas que saian fóra do Estado español por un periodo superior aos 90 días, conservando a tarxeta sanitaria en vigor.
Avia Veira concluiu dicindo que o Goberno do Sr. Negreira terá no vindeiro pleno unha oportunidade de poñerse ao lado e na pel das e dos emigrantes e das mozas e mozos galegos e de defender tamén a atención sanitaria universal.