O BNG defende un modelo de crecemento sustentábel con amor ao país e ao territorio
Cambre, 13 de outubro de 2012.- A reivindicación por un modelo de crecemento sustentábel e respectuoso co medio ambiente, con amor ao país e ao territorio levou esta tarde o BNG a realizar unha marcha a pé até o encoro de Cecebre. Alí os e as nacionalistas criticaron o transvase de auga que o PP quere facer de Meirama a Cecebre para construír, neste lugar, unha minicentral hidroeléctrica.
Ao pé do encoro, o BNG celebrou un acto simbólico, onde Henrique del Río, candidato, e Vitoria Louro, candidata, reivindicaron o medio natural como sinal de identidade. Se o PP ten que escoller entre negocio e medio ambiente, escolle negocio, denunciaron. Fronte á política especulativa do PP, o BNG propón, ademais de gobernar nós a nosa terra, como di o noso lema, gobernarmos o nós o noso territorio, engadiron.
Del Río e Louro lembraron que o candidato á Presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, asinou con asociacións ecoloxistas de Galiza o Programa pola terra 2012 para que o desenvolvemento económico e a modernización se concilien co respecto polo medio ambiente. O candidato e candidata salientaron a necesidade de impulsar o Plan Galego de Xestión de Residuos, unha proposta do BNG que ten como base a reutilización e a reciclaxe e a incineración cero.
Tamén se comprometeron Del Río e e Louro a traballar polo saneamento integral da ría do Burgo e da área de Bens e pola xestión das augas, de xeito que se declaren os ríos totalmente libres de futuros aproveitamentos hidroeléctricos. Paralizaremos os novos encoros e ampliaremos a Rede Natura, afirmou Louro.
Louro denuncia os intereses da concelleira de Cultura da Coruña na minicentral de Cecebre
A candidata do BNG aproveitou a súa intervención para denunciar os intereses da concelleira de Cultura da Coruña en relación ao convenio entre o Concello, Emalcsa e Augas de Galiza. A Sra. Fernández, que incorreu nunha incompatibilidade, votou a favor da aprobación da explotación do encoro de Cecebre, unha explotación da que se beneficia unha sociedade que pertence a súa familia directa, advertiu. Na mesma liña, Louro sinalou que a empresa que vai explotar o encoro pertence a Fergo Galicia, empresa matriz do hólding da familia da concelleira e que unha das empresas deste hólding, Minicentrales Bouza Vella, pertence, nun 16,6%, á concelleira de Cultura. E todo isto advertiu co amparo do Sr. Negreira, denunciou.