Louro: "Feijóo perde se concentramos o voto nacionalista e de esquerdas no BNG"
A Coruña, 13 de outubro de 2012.- A Agra do Orzán acolleu esta mañá un novo mitin de barrio do BNG, en que participaron a concelleira Ermitas Valencia, a enfermeira e sindicalista María Seijo e a candidata Vitoria Louro, que chamaron a concentrar o voto nacionalista e de esquerdas no BNG. Se concentramos todos os votos nacionalistas e de esquerdas no BNG, Feijóo perde, sinalou Louro, quen preguntou que quere o PP? Ou que non votemos ou que dividamos o voto. Fagamos, pois, o que máis lle doe ao PP: non dividir o voto e votar o BNG, engadiu.
Louro ofreceu, ante as máis de cen persoas que asistiron ao mitin, unha radiografía do país: Feijóo prometeu acabar coa crise en 45 días e hoxe en día non é que Galiza estea peor que hai tres anos e medio, Galiza retrocedeu dez anos!, exclamou. Para garantirmos o futuro temos que defender a nosa capacidade de decisión, temos que conseguir un modelo de financiamento xusto e unha política fiscal na que pague máis quen máis ten, non como agora, que pagamos o mesmo as persoas paradas que as ricas, sinalou, en alusión á suba do IVE. Tamén apostou por unha banca pública galega ao servizo das familias, das pemes e dos nosos sectores sectores produtivos. Só así podemos poñer o país a traballar, salientou.
Non queremos que nos boten unha man, queremos que nos quiten a man do pescozo porque Galiza non é pobre, temos moita riqueza, só temos que lograr poder decidir por nós mesmas, expuxo. Non é de recibo que co modelo de financiamento actual Madrid nos devolva 3.000 millóns menos do que nós lle ingresamos, apuntou. Nesta liña, insistiu en que non queremos subvencións, queremos que nos deixen traballar con dignidade na nosa terra. Foi entón cando denunciou que Feijóo incrementou o número de persoas paradas nun 75%, eu son unha desas mulleres no desemprego, prexudicadas pola nefasta política do PP, engadiu.
Así, desenvolveu cada unha das liñas en que sesustenta o programa do BNG: traballo, democracia e soberanía. E chamou a deixar de demonizar a soberanía porque a soberanía só é a capacidade de decidirmos por nós mesmas.
A política sanitaria do PP: operacións de cancro de mama e de vesícula, atrasadas
A convidada no mitin foi María Seijo, enfermeira e presidenta da Xunta de Persoal da Área Sanitaria da Coruña, quen fixo un balance da política sanitaria nestes últimos anos. O PP deshumanizou a asistencia sanitaria, agora traballamos como nunha cadea industrial, denunciou. Aumentaron as listas de espera e, á vez, atrasáronse os tratamentos e os diagnósticos e non hai camas para as persoas que ingresan porque o PP fecha camas, criticou.
A enfermeira do CHUAC advertiu de que están a atrasarse operacións de cancro de mala e de vesícula. E isto porque o PP quita cartos da sanidade para llos dar á banca, sinalou. Agora vai pagar máis quen sufra máis e quen enferme máis, concluíu.
Ermitas Valencia chama a consumir no pequeno e mediano comercio
A concelleira Ermitas Valencia, veciña do barrio, foi a encargada de abrir o mitin. E fíxoo con críticas á reprogramación do Urbana C: o Sr. Negreira quitou 1 millón de euros en axudas para comercio, talleres de automoción e hostalaría da Agra e para a creación dun viveiro de empresas. Tamén denunciou que o Goberno municipal agasalle a Cáritas con máis de 1 millón de euros para a rehabilitación dun edificio en propiedade.
Tamén aludiu a nacionalista á crise que está a afogar o pequeno e mediano comercio. As medidas do PP como a suba do IVE, a liberalización de horarios comerciais e os recortes salariais son o tiro de graza ao comercio de proximidade, alertou. A concelleira do BNG propuxo apoiar o pequeno comercio e o comercio tradicional fronte ás medidas adoptadas polo PP contra un dos sectores estratéxicos da economía da Coruña. Así, Valencia sinalou que o BNG aposta polo comercio de proximidade, por exercer as competencias que posúe Galiza e polo consumo de produtos galegos. Tamén propuxo campañas de mobilidade gratuítas, con aparcadoiros ou buses, e o estabelecemento dunha liña de axudas ao financiamento, co obxectivo de garantir a actividade dos estabelecementos comerciais.