Mozas e mozos da Coruña devolvéronlle a maleta a Feijóo convidados por Galiza Nova

Mozas e mozos da Coruña devolvéronlle a maleta a Feijóo convidados por Galiza Nova

A Coruña, 14 de outubro de 2012.- Os Xardíns de Méndez Núñez acolleron a noite do sábado para o domingo un acto simbólico de Galiza Nova contra a política de Feijóo, que condena a mocidade galega ao desemprego e á emigración. Así, mozos e mozas da Coruña, que participaban no botellón, “devolvéronlle as maletas” a Feijóo, Rajoy, Merkel, Botín, Rouco Varela e ao Rei, retratados nun plotter. Precisamente, no pasado mes de xuño, Feijóo agasallou os mellores expedientes académicos unha maleta. “Con este agasallo a Feijóo traizooulle o subconsciente e, se cadra, estaba a pensar nos máis de 60.000 mozos e mozas que tiveron que marchar de Galiza neste trienio negro en busca de emprego ou, se cadra, pensaba na taxa de paro xuvenil, que non deixa de medrar, chegando ao 40%”, comentou o candidato e portavoz municipal do BNG en Betanzos, Henrique del Río, que participou na performance.

Del Río explicou que o Goberno do PP atenta contra a mocidade ao recortar as bolsas, ao incrementar as matrículas e ao aumentar o paro xuvenil. “O drama da emigración é a única saída que lles queda a moitos mozos e mozas”, sinalou o candidato nacionalista, quen apelou a darlle a volta a esta situación, “Galiza non pode permitirse o luxo de que a súa xente nova emigre e non poida contribuír ao país”.

O candidato expuxo que a prioridade do BNG é a creación de emprego estábel e de calidade para evitar que a xente moza teña que marchar e para evitar as condicións laborais case de escravitude que moitos mozos emozas están a afrontar ese momento.

Neste trienio negro tiveron que emigrar 60.000 mozas e mozos

Del Río, que estivo acompañado por mozos e mozas de Galiza Nova, deulles conta ás persoas que participaban no botellón, das propostas do BNG en materia de mocidade como a inserción laboral da xente moza nos sectores económicos de Galiza en función das súa formación e capacidades, garantir o acceso da mocidade a unha vivenda digna, impulsar o emprendemento a través de empresas de economía social e naquelas cuxo capital social sexa detentado maioritariamente por mozos traballadore, incorporación ao sistema galego da I+D+i de novos investigadoros e tecnólogos e procurar o retorno das persoas que emigraron por falta de oportunidades en Galiza.

Tamén puxo de manifesto que o BNG aposta por axudas para a vivenda do estudantado que se desprace a outras comarcas para cursar os estudos secundarios, polo apoio á creatividade da mocidade, pola recuperación do noitebús e da rede Galega de Locais de Ensaio, pola posta en marcha, nos medios públicos de comunicación, de espazos informativos, formativos e de entretemento en que a mocidade poida ser destinataria e protagonista e a garantía, a través da rede pública, ou polo dereito da mocidade a acceder de xeito gratuíto a un sistema de información e asesoramento en materia afectivo-sexual, rigorosa, científica e confidencial.

Del Río e os compañeiros e compañeiras de Galiza Nova salientaron, ante os mozos e mozas, que “é vital facerlle fronte á política do PP, é vital facerlle fronte a Rajoy e a Feijóo o 21 de outubro e é vital votar o BNG”. “Se concentramos todos os votos nacionalistas e de esquerdas no BNG, Feijóo perderá as eleccións e os mozos e mozas galegas gañaremos”.

 

Mozas e mozos da Coruña devolvéronlle a maleta a Feijóo convidados por Galiza Nova