O BNG critica o gasto de 65.000 nun estudo sobre as necesidades de Monte Alto
A Coruña, 21 de agosto de 2014- O Grupo Municipal do BNG critica que o Goberno do Sr. Negreira volva facer uso das súas frecuentes externalizacións de servizos a empresas privadas. Desta vez, trátase da elaboración do estudo para reordenación e a necesaria mellora urbana do espazo público do barrio de Monte Alto, que foi adxudicado mediante procedemento negociado a unha empresa por valor de 64.735 euros, tal e como se recolle no perfil de contratante do Concello, que informa de que a duración do contrato é de seis meses.
As nacionalistas, que levan meses reclamando melloras en Monte Alto e nos barrios da cidade, que están completamente abandonados polo PP, reproban que o Concello teña que pagar 64.735 euros a unha empresa cando hai persoal técnico cualificado no Concello para realizar este tipo de tarefas. Así, as nacionalistas volven denunciar o duplo gasto do Goberno municipal do PP: por unha banda, baleira de contido o labor do persoal técnico municipal cualificado, ao non querer dispoñer del, e pola outra banda, malgasta cartos públicos en contratar os servizos de empresas privadas.
O BNG exíxelle ao Goberno do Sr. Negreira que escoite a veciñanza e que arranxe, de inmediato, a praza do mercado de Monte Alto
O Grupo Municipal do BNG replícalle ao Goberno do Sr. Negreira que máis que un estudo é necesario que escoite as demandas veciñais, pois son as veciñas e os veciños quen calibran as necesidades de Monte Alto cada día. Precisamente, o BNG recolleu nas reclamacións aos orzamentos municipais de 2014 as principais reivindicacións da veciñanza despois de se reuniren nacionalistas coa Asociación Veciñal As Atochas-Monte Alto-Torre de Hércules. Porén, todas e cada unha das reclamacións foron botadas abaixo polo Partido Popular.
As nacionalistas tamén aproveitan a publicación do anuncio desta adxudicación no perfil do contratante do Concello para exixirlle ao Goberno do Sr. Negreira que adecente, de inmediato, a praza do mercado que se anega cada vez que chove. As pozas que xurden os días de chuvia duran días, o que motiva que a praza non poida ser empregada como espazo público e que as veciñas e veciños teñan que levar pranchas de cartón para pór baixo os pés co fin de illalos da auga.