O BNG exixe a convocatoria da Xunta Local de Seguridade Cidadá para afrontar os roubos
A Coruña, 22 de agosto de 2014- O Grupo Municipal do BNG exixe que se convoque, de xeito inmediato, a Xunta Local de Seguridade Cidadá para afrontar os roubos que están a ter lugar na cidade desde diferentes frontes e coa presenza de todas as Administracións implicadas (Concello, Xunta de Galiza e Estado) e pídelle ao Sr. Flores, responsábel de seguridade cidadá, que deixe de botar balóns fóra.
As nacionalistas advirten de que non se trata só de enfrontar os roubos a través de accións policiais, senón, nomedamente, a través da loita contra a pobreza e contra a exclusión. Se hai máis roubos, salientan, é porque aumentou a pobreza. De aí que solicite que se traballe con actuacións a curto, a medio e a longo prazo. Neste sentido, o BNG avoga por que os Servizos Sociais do Concello e as asociacións veciñais desenvolvan un papel relevante.
Composición da Xunta de Goberno Local de Seguridade
A Xunta de Goberno Local de Seguridade está composta polo alcalde, polo delegado do Goberno e por representantes da administración Estatal (Xefe da Comisaría Provincial do Corpo Nacional de Policía e Xefe da Unidade do Corpo da Garda Civil), Autonómica (Inspector Xefe Adxunto da Policía Autonómica), e Local (Tenente de Alcalde Concelleiro de Seguridade e Mobilidade, Director de Seguridade e Mobilidade e Xefe do Corpo da Policía Local).