O BNG cualifica a reforma da lei electoral como "artimaña" do PP para manterse no poder
A Coruña, 21 de agosto de 2014- O Grupo Municipal do BNG considera a proposta de reforma do sistema de elección de alcaldes do PP unha artimaña democrática para manterse no poder, xa que o partido do Sr. Negreira é consciente de que non conta co apoio da veciñanza para gobernar. Neste sentido, as nacionalistas poñen de manifesto que a meirande parte da poboación rexeita as políticas antisociais do PP, que levan a xente á ruína e á emigración.
Así, o Grupo Municipal do BNG considera inaceptábel a proposta do PP e advirte de que se trata dun golpe definitivo a unha democracia xa moi danada polas políticas do Goberno, tanto no Estado español como na Xunta de Galiza. O Bloque anuncia que combaterá a iniciativa do PP nas institucións e socialmente. E é que de levarse a cabo a reforma proposta por Rajoy, sería a primeira vez en democracia que se reforma a lei electoral sen contar co consenso do resto das forzas políticas.