O BNG esíxelle ao Goberno municipal que esixa a readmisión do traballador despedido no Ágora
A Coruña, 21 de decembro de 2012.- A concelleira nacionalista María Xosé Bravo advirte de graves irregularidades cometidas pola nova concesionaria do servizo de seguridade do Ágora. Galaica, a empresa que gañou o concurso, despediu de xeito inxustificado un dos traballadores que se comprometera a subrogar, tal e como esixe o prego de condicións do contrato (http://coruna.es/servlet/Satellite?argIdioma=es&c=Page&cid=1207119949154&itemID=1346202979761&itemTemplate=Portal-SelectivoProceso-Detalle&itemType=Contenido&mostrarCaducados=si&pagename=Portal%2FPage%2FPortal-SubportadaSeccion&paginaID=1207119949154). O empregado en cuestión foi despedido o mesmo día en que Galaica comeza a prestar o servizo.
Neste contexto, Bravo esíxelle ao Goberno municipal que non mire cara outro lado e faga cumprir o prego de condicións recollidos no contrato que gañou Galaica e no que se reflicte, como condición indispensábel, a subrogación dos dous traballadores que prestan o servizo de seguridade no Ágora.
A concelleira nacionalista pon de manifesto que catro das empresas que se presentaron ao concurso obtiveron mellor cualificación técnica que Galaica e sinala que resultou gañadora do concurso pola oferta económica (o concurso estaba licitado en 85.000 euros e ficou adxudicado en 75.000). "De nada vale que a empresa mellore a oferta económica cando vai despedir, irregularmente, os traballadores", advirte Bravo.
A concelleira do BNG insiste en que está na man do Goberno municipal que se cumpra o prego de condicións. Ademais, Bravo solicita que o Concello esixa o cumprimento das condicións laborais dos traballadores e alude ao historial ateigado de irregularidades desta empresa, que xa protagonizou un caso semellante na Fundación Luís Seoane, no Concello de Ferrol e mesmo foi sancionada pola Inspección de Traballo cunha multa cuantiosa, da que se deu conta no BOP o 19 de novembro de 2012 http://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2012/11/19/2012_0000013944.pdf