O BNG chama a participar na manifestación de QUEREMOS GALEGO
A Coruña, a 21 de xaneiro, 2013.- Representantes de Queremos Galego na Coruña, entre as que se atopaba a concelleira do BNG Avia Veira, compareceron este luns en conferencia de imprensa para dar a coñecer a manifestación que a Plataforma ten convocada o próximo domingo, día 27 de xaneiro, para exixir a derrogación do Decreto 79/2010 mal chamado de plurilingüismo no ensino non universitario e a retirada do proxecto da LOMCE. A manifestación, que se desenvolverá baixo o lema Queremos galego na escola. Pola lingua que nos une, sairá da Alameda de Compostela ás 12:00 horas.
A actriz Isabel Risco e a escritora Yolanda Castaño foron as encargadas de dar lectura ao manifesto de Queremos Galego no que se exixe do Goberno galego a derrogación inmediata do mal chamado decreto do plurilingüísmo e a elaboración dunha nova norma que teña como punto de partida o consenso acadado para o Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega aprobado unanimemente polo Parlamento de Galiza no ano 2004, sendo de aquela Alberto Núñez Feijóo vicepresidente da Xunta.
Un auténtico decretazo que, lembraron, xa conta con varias sentenzas en contra do Tribunal Superior de Xustiza, que mesmo indicou ao Goberno da Xunta que debe realizar unha política de promoción do idioma propio do país, de acordo co estabelecido na Lei de Normalización Lingüística.
Neste senso, o polifacético artista Xurxo Souto aseverou que o galego é a pedra angular do noso patrimonio colectivo, ao tempo que criticou a falsidade na que viven instalados os gobernos galego e español ao falar de bilingüísmo harmónico. Todos e todas sabemos que a situación do galego é unha situación de diglosia clásica en todos os sectores. E contra disto, témonos que revolver.
O artista coruñés lembrou que a través da súas políticas lingüísticas, tanto o Goberno galego como o español,están negando aos nenos e nenas de Galiza a posibilidade de coñecer a súa propia realidade. Fronte a isto, desde a Plataforma Queremos Galego reclámase a Xunta que garanta a educación en galego na educación infantil para os/as cativos/as galegofalantes, pondo especial atención na incorporación a este idioma por parte do alumnado residente en contextos familiares castelanófonos; que garanta que o alumnado reciba un mínimo do 50% da súa docencia en galego en todos os niveis formativos; que non se prohiba a impartición de ningunha materia na nosa lingua; e que se desenvolva un plan de formación para que todo o persoal dos centros educativos teña plenas competencias para desenvolver a súa actividade profesional en galego.
Para dar a coñecer a convocatoria e animar a cidadanía a participar da mesma, mañá martes vaise realizar un reparto de follas informativas en distintas rúas da Coruña, ás 18:30 horas.
Así mesmo, Queremos Galego porá autobuses para acudir a manifestación dende as cidades e vilas, que no caso da Coruña sairán o domingo ás 10:30 horas da Praza da Palloza. A xente interesada en facer uso deste servizo terao que comunicar previamente ao correo-e [email protected] ou chamando ao teléfono 981 1692 93.