O BNG alerta do colapso que provocará o peche do centro de orientación familiar do Ventorrillo
A Coruña, 21 de xaneiro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG advirte da sobresaturación que suporá a unificación do centro de orientación familiar do Ventorrillo co de Orillamar. A concelleira Avia Veira indica que na actualidade existe unha lista de agarda de entre tres meses e un ano, agás nos casos da primeira consulta, de carácter informativo. Así, a nacionalista pon de manifesto que se a Xunta de Galiza pecha o COF do Ventorrillo (que atende 62.000 mulleres de 37 concellos da área) o colapso que sufriría o COF de Orillamar (que atende 90.000 mulleres da cidade e concellos da comarca) impediría a atención correcta ás mulleres. "É imposíbel que a xinecóloga e o xinecólogo do COF de Orillamar poidan atender máis de 152.000 mulleres", alerta Veira, quen engade que este colapso podería traducirse no incremento de embarazos non desexados.
A nacionalista salienta que hoxe en día dous COF na Coruña non cobren toda a demanda e que, segundo a Organización Mundial da Saúde, tendo en conta a poboación de mulleres da Coruña e da súa contorna, a nosa cidade, debería contar con, cando menos, tres centros de orientación familiar. "Lonxe de atender as indicacións da OMS, o PP, na súa ofensiva de recortes e de asfixia social, pretende deixarnos con un só COF", afirma.
Veira desminte as palabras do concelleiro de Servizos Sociais quen, en resposta a unha pregunta oral formulada pola edila nacionalista, asegurou que os e as médicas de atención primaria cobren os servizos que prestan nos COF. "O Sr. Lorenzo debería saber que a Atención Primaria nin tramita abortos nin coloca anticonceptivos", subliña Veira. A concelleira do BNG lembra que ademais de tramitaren as interrupcións voluntarias dos embarazos, os COF practican citoloxías, colocan métodos anticonceptivos e son o punto de referencia das mulleres en materia afectivo-sexual, conflitos de parella e mesmo á hora de procurar axuda perante unha situación de violencia de xénero. "E si, volvemos reiterar, tamén en base ao que nos trasladou persoal do COF de Orillamar, que están en xogo os dereitos das mulleres, nomeadamente o dereito da muller a interromper voluntariamente o embarazo", conclúe.