O BNG leva ao Congreso a paralización do convenio colectivo d@s traballador@s do Porto
A Coruña, 22 de xaneiro de 2013.- A deputada do BNG Rosana Pérez vén de rexistrar unha iniciativa en que se interesa pola paralización do convenio colectivo para os traballadores e traballadoras de Puertos del Estado, entre os que se atopa o Porto da Coruña. A parlamentar nacionalista, que alude ás mobilizacións iniciadas polos e polas empregadas para reclamar a sinatura do novo documento, explica que o Ministerio de Facenda leva máis de sete meses co convenio colectivo bloqueado. E isto, malia que xa existen acordos entre a representación sindical e Puertos del Estado, asinados a finais de xuño de 2012. Porén, Rosana Pérez indica que falta a autorización do Ministerio de Facenda para que o documento teña validez.
A deputada do BNG advierte de que se non se producen avances para a sinatura do novo convenio, o convenio actual deixará de estar vixente o próximo mes de xullo debido á reforma laboral. Alerta, ademais, de que pode darse o caso de que Puertos del Estado recúe e aproveite a circunstancia para rebaixar aínda máis as condicións laborais e salariais e provocar, así, unha caída dos niveis de emprego. "Non é xustificábel que o Goberno destrúa emprego nos portos, un sector que xera beneficios e inmensas economías de escala", sinala na iniciativa, en alusión ás reclamacións dos sindicatos.
Neste contexto, a deputada do BNG presentou unha batería de preguntas para a resposta escrita nas que se interesa polos motivos que provocan que o convenio leve bloqueado desde hai máis de sete meses e pregunta a que se debe a parálise. Tamén pregunta cando vai asinar o Goberno central o novo convenio, toda vez que existe acordo entre traballadores e traballadoras e a empresa, se o Goberno vai desbloquear a situación antes de chegar o verán e se entra nas previsións do Goberno a privatización da xestión de Puertos del Estado ou dalgunha Autoridade Portuaria.