O BNG chama a participar masivamente na marea cidadá contra a troika
A Coruña, 31 de maio de 2013.- O BNG da comarca da Coruña chama a participar da xornada europea de mobilizacións de mañá, sábado, contra a troika, co fin de darlle unha reposta desde a rúa, ampla e plural, ás políticas da Unión Europea. Así, as nacionalistas sumaranse á marea cidadá Pobos unidos contra a troika que partirá ás 19h da Praza de Pontevedra. Apoian a convocatoria da Coruña, ademais do BNG, a Fronte Cívica, Galiza Nova, a CIG, a Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público e CONFAPA Galiza.
O BNG foi sempre profundamente crítico con respecto ao proxecto de construción europea, un proxecto que careceu desde os seus comezos dunha perspectiva social e política a favor das maiorías sociais e dos dereitos das persoas e dos pobos e que, pola contra, se ergueu unicamente como espazo para a ampliación e consolidación dos mercados. O BNG sempre tivo claro que o modelo europeo que se estaba a construír era un modelo neoliberal, unha Europa dos mercados, e non a Europa social das persoas e dos pobos: abonda botar a ollada atrás e comprobar cal foi a postura do BNG no 1985, fronte á entrada -tal e como e se fixo- na CEE; ou no 1993, fronte ao Tratado de Maastricht e tamén no 2005, cando pedimos o voto negativo ao Tratado para a Constitución Europea.
As decisións políticas que se tomaron desde o comezo da crise en 2007 puxeron de relevo o deseño neoliberal da Unión Europea e, agora, podemos comprobar como a troika interveu os países afectados pola crise para salvagardar os intereses da banca e do grande capital. No caso do Estado español, e coa colaboración manifesta do PP no goberno do Estado e da Xunta de Galiza, transformouse a crise do sector financeiro nun problema de débeda pública que se utiliza para forzar medidas de desmantelamento das conquistas sociais e para afianzar un marco legal claramente neoliberal, onde non teñen cabida os dereitos das persoas e dos pobos. Estas políticas actuais da UE confirman a análise histórica do nacionalismo galego neste sentido.