O BNG denuncia persecución e comiso de panos de papel a persoas que se dedican á venda ambulante
A Coruña, 30 de maio de 2013.- O Grupo Municipal do BNG denuncia a persecución do Goberno do Sr. Negreira ás persoas que se dedican á venda ambulante, inmigrantes, na maior parte dos casos. Na última semana, incautáronselles a vendedores ambulantes panos de papel e caramelos, un feito que leva a concelleira nacionalista Avia Veira a cualificar de amoral e de inhumano o Goberno do Partido Popular. Un Goberno que obriga a intervirlles as persoas que se dedican á venda ambulante panos de papel e caramelos é un Goberno desalmado, é un Goberno que carece de corazón, sinala a nacionalista, que advirte de que a venda destes produtos é a única vía de supervivencia que teñen estas persoas para poder saír adiante. A ningunha persoa lle gusta dedicarse a vender panos de papel nos semáforos, pero de algo terán que vivir os máis necesitados e os máis afectados polo empobrecemento ao que nos levan os recortes do Partido Popular, engade.
De feito, o 27 de maio, dúas persoas nixerianas foron denunciadas por infrinxir a ordenanza municipal de circulación por tratar de vender paquetes de panos de papel e de caramelos nos semáforos da Ronda de Outeiro coa rúa Alcalde Pérez Ardá. Ademais, incautáronselles tanto os panos como os caramelos. Tamén o día 24 deste mes, o Goberno municipal enviou a policía local a requisar varias bolsas de plástico con máis de medio cento de paquetes de panos de papel, bolígrafos e sobres de cores na zona de Ramón y Cajal.
Ante estes comisos, que o Grupo Municipal do BNG cualifica de acoso, Avia Veira esíxelle ao Goberno do Sr. Negreira que asuma o liderado na xestión da venda ambulante e na axuda ás persoas que a practican, sempre en coordenación cos colectivos de inmigrantes e entidades deste ámbito. No BNG, apostamos pola igualdade de dereitos de todas as persoas que viven e traballan na Coruña, tamén das persoas que traballan na venda ambulante, sinala a concelleira, que empraza o Goberno municipal a facilitar procesos de participación e a chegar a acordos sobre posíbeis zonas de venda. Só desde o diálogo cos afectados se camiñará cara a niveis aceptábeis de convivencia e benestar, afirma.
Enviar a policía local a comisar panos de papel e caramelos non é a solución ás dificultades que atravesan estas persoas, só apostando decididamente pola participación, o diálogo e a cooperación se atoparán solucións
A edila do BNG pon de manifesto que as multas non son a solución ás dificultades de integración do colectivo inmigrante e advirte de que é o Goberno municipal quen ten a responsabilidade de articular mecanismos para darlles solucións ás persoas que se dedican á venda ambulante. Enviar a policía local a comisar panos de papel e caramelos non é a solución ás dificultades que atravesan estas persoas, só apostando decididamente pola participación, o diálogo e a cooperación se atoparán solucións ás dificultades económicas e sociais que o colectivo está a vivir, salienta.
Avia Veira critica que nada se avanzou desde que o Grupo Municipal do BNG denunciou este tipo de actuacións e reclamou solucións para o colectivo afectado. Por iso, urxe o Goberno do Sr. Negreira, que se escuda e presume de facer cumprir a lei, a actuar de inmediato nos termos apuntados polo BNG.