O BNG-Asembleas Abertas reivindica unha tarifa eléctrica galega
A Coruña, 8 de maio de 2015.- A candidatura do BNG-Asembleas Abertas participou na manifestación convocada para a tarde de hoxe polo Comité de Empresa de Alcoa para reclamar unha solución ao problema de índole enerxética.
A número 2 da candidatura, María Xosé Bravo, comezou as declaracións aos medios condenando firmemente o asasinato machista que tivo lugar en Ourense e que levou o BNG a suspender os actos organizados pola formación frontista para esta tarde.
Bravo, acompañada por Julio Moskowich, número 23 e traballador de Alcoa, empresa na que é delegado sindical, reivindicou unha tarifa eléctrica galega, pois beneficiaría a industria e tamén as familias. Que sentido ten que as familias e as fábricas instaladas en Galiza, unha autonomía das que máis produce e das que menos consome, teñan que pagar exactamente o mesmo que o resto do Estado?, preguntouse. Neste sentido, insistiu no absurdo de producirmos máis do que consumimos, pagarmos máis ca outros e corrermos o risco de pechar empresas por problemas de abastecemento eléctrico.
A solución aos problemas de abastecemento eléctrico das empresas require falar do marco regulatorio, sinalou Bravo. Deste xeito, a candidata do BNG-Asembleas Abertas apostou por reformular todo o sistema eléctrico, co fin de que se consiga unha política tarifaria propia para Galiza. Insistiu en que malia ser exportadora de enerxía eléctrica os últimos datos publicados indican que Galiza exporta un 40% da enerxía que produce- e malia soportar os custes sociais e ambientais pola explotación dos seus recursos naturais, o noso país recibe ningún tipo de compensación a cambio. De exisitir unha tarifa de fábrica axustada á propia realidade de abastecemento e produción de Galiza; é dicir, se houbese unha política tarifaria galega, non existiría o risco de peche de empresas por causa do abastecemento de enerxía, salientou.
Julio Moskowich, traballador de Alcoa e candidato do BNG-Asembleas Abertas: Sobre os traballadores non pendería cada ano o risco de despedimento se houber unha tarifa eléctrica galega
Na mesma liña, Julio Moskowich puxo de manifesto que sobre os traballadores de Alcoa non pendería cada ano o risco de ERE ou do peche da empresa se existise unha tarifa eléctrica galega. Cunha tarifa propia para Galiza garantiríanse os postos de traballo de moitas empresas, non só de Alcoa, pois son moitas as industrias con problemas económicos por culpa do actual sistema eléctrico, afirmou. O candidato nacionalista indicou que a tarifa eléctrica galega non só favorecería a industria, tamén sería moi beneficiosa para a xente.