Bravo: "Abriremos os centros de ensino fóra do horario escolar"
A Coruña, 9 de maio de 2015.-Defendemos o dereito á educación pública de calidade con medidas concretas para que sexa verdadeiramente efectivo, pois a educación é a mellor ferramenta para loitar contra as desigualdades sociais. Así comezou María Xosé Bravo, número 2 da candidatura do BNG-Asembleas Abertas, a súa declaracións aos medios durante un reparto de material informativo no que membros da candidatura lles pediron o voto aos veciños e veciñas da Agra do Orzán e do Ventorrillo
Entre as medidas que acometerá o BNG-Asembleas Abertas en materia de educación atópase a apertura dos centros de ensino fóra do horario escolar para uso das instalacións por parte dos veciños e veciñas. Trátase esta dunha suxestión que conta cunha ampla adhesión por parte das persoas que viven na Coruña.
Bravo tamén apuntou que para mellorar a oferta educativa, que a día de hoxe é insuficiente, ampliaremos as prazas das escolas infantís e exixiremos a construción urxente dun centro de ensino público integrado en Novo Mesoiro. Tamén se comprometeu co apoio social á educación, pois o BNG-Asembleas Abertas acometerá actuacións para acadar que o dereito á igualdade sexa realmente efectivo. Poremos en marcha un programa de bolsas de material escolar para ensino infantil e postobrigatorio e garantiremos que o alumnado con bolsa do comedor conte con transporte escolar que o devolva ao seu domicilio, sinalou. Tamén anunciou a ampliación da partida destinada a obras en centros de ensino, co fin de garantir que o mantemento dos colexios sexa unha realidade.
María Xosé Bravo expuxo outras das máis de trinta medidas que aplicará o BNG-Asembleas en materia de educación: teremos en consideración os espazos para roteiros escolares que garantan, na medida do posíbel, o acceso do alumnado aos centros de ensino a pé; acometeremos un plano de loita contra o fracaso escolar na educación obrigatoria, coas posta en marcha dun programa de apoio en coordinación cos centros educativos e faremos un programa municipal de actividades extraescolares nos centros educativos coa colaboración dos pais e nai.