O BNG chama a mocidade a votar BNG, "o voto rebelde"
A Coruña, 16 de outubro de 2012. A xeira de actos públicos que o BNG está a realizar nas diferentes zonas da cidade levaron os e as nacionalistas ao barrio de Elviña e Barrio das Flores. O concelleiro Xan Caxigal, a profesora da UdC e ex deputada Pilar García Negro e a candidata pola Coruña Vitoria Louro cualificaron o Goberno de Feijóo como o trienio negro e como o peor goberno da historia de Galiza e animaron a cidadanía a votar polo BNG.
Louro advertiu de que as eleccións están totalmente abertas e vanse xogar por un puño de votos. Así, aludiu ao caso de Santiago de Compostela, onde o PP venceu nas municipais por só 14 votos. Temos que ir todas e todos a votar, se ti non vas votar o BNG, o PP gaña, salientou. Todo voto nacionalista e de esquerdas que non vaia ao BNG é un voto que facilita, indirectamente, a maioría absoluta do PP, engadiu.
A candidata do BNG dirixiuse á xente moza para explicar que o voto rebelde é o voto ao BNG, o voto ao BNG é o que máis lle doe ao PP, manifestou. A continuación, referiuse á campaña sucia do PP disposto a todo para gañar. O PP está a emporcar a campaña até uns límites sen precedentes, advertiu, e lembrou que a Xunta xa violou en nove ocasións a Lei electoral.
Louro, tamén responsábel de Acción Feminista do BNG, puxo de manifesto que a crise ten cara de muller e aludiu aos recortes do PP en materia de igualdade e na loita contra a violencia de xénero. A este respecto, criticou que Feijóo manteña como militante a Castelao Bragaña despois de que declarase que as leis, como as mulleres, están para violalas. Se Feijóo non expulsa a Castelao Bragaña estaría amparando o terrorismo machista como as mulleres, apuntou.
A campaña do BNG é a campaña das propostas
Ademais, Vitoria Louro sinalou que o BNG ten propostas para saír da crise con xustiza social. A nosa campaña, é a campaña das propostas, propostas baseadas na nosa capacidade para decidirmos por nós mesmos, para reforzarmos a participación da cidadanía na política e para promover a creación de postos de traballo a través do impulso dos nosos sectores produtivos, apuntou.
Neste sentido, apostou por pórlle fin ao actual modelo de financiamento, que discrimina a Galiza, por impulsar unha banca pública galega, que financie os nosos recursos, as pemes e as familias, ou por unha fiscalidade máis xusta. Non é de recibo que Inditex pague todo en Madrid, salientou. Concluíu apelando a rematar coa submisión a Madrid e a Bruxelas.