O BNG aposta polo tren a servizo da cidadanía, e non das empresas

O BNG aposta polo tren a servizo da cidadanía, e non das empresas

A Coruña, 17 de setembro de 2012.- O BNG da Coruña, que apoia a folga do ferrocarril que está a ter lugar no día de hoxe, tomará parte da mobilización convocada polos sindicatos contra a privatización de Renfe e en defensa dos postos de traballo. A manifestación, na que participarán cargos orgánicos e institucionais do BNG, terá lugar ás 19.30 horas desde a estación de San Diego até a estación de Sna Cristovo. O concelleiro Xan Caxigal, que participará na protesta, reivindica o tren ao servizo da cidadanía, e non das empresas, e reivindica o tren como transporte público alternativo ao vehículo privado. "A aposta decidida por un servizo ferroviario de proximidade, máis sustentábel e máis económico que o coche, é clave para acabar cos problemas de mobilidade que padecemos na comarca, unha mobilidade baseada no automóbil e que provoca consecuencias negativas no medio natural", sinala.

Caxigal advirte de que a ampliación de Alfonso Molina "de pouco servirá se non potenciamos transportes públicos alternativos como o tren", engade. Neste sentido, pon de manifesto que estabelecer un servizo de proximidade "non é ningunha obra faraónica, xa que só se trataría de dárlle servizo á infraestrutura coa que xa contamos", explica, en clave de optimodalidade; é dicir, aproveitar as infraestruturas que xa existen. Como vén advertindo o BNG nos últimos anos, Caxigal insiste en potenciar as vías de ferro que veñen desde Ferrol e que pasan polas diferentes localidades da nosa comarca, polos polígonos industriais, polo Campus de Elviña, polo porto e até o propio centro da Coruña.

O BNG denuncia a discriminación que sofre a área metropolitana da Coruña respecto de zonas como Murcia ou Santander, con menos habitantes e con tren de proximidade

O concelleiro do BNG denuncia a discriminación que sofre a área metropolitana da Coruña respecto doutras zonas do Estado que, malia contar con menor número de habitantes, contan con tren de proximidade. Tramos como o de A Coruña-Ferrol suman máis de 600.000 habitantes, cifra superior á de Murcia e á de Santander, que teñen servizos de cercanías.

A este respecto, Caxigal critica que "polo desleixo dos Gobernos sucesivos do PSOE e do PP, Galiza non conta cos servizos ferroviarios propios do século que vivimos". Pon como exemplo a duración do tramo A Coruña-Ferrol, 1h 15min. "Viaxarmos en tren desde A Coruña até Ferrol lévanos tanto como viaxarmos en alta velocidade desde Madrid a Valencia", ilustra. "Malia a duración (1h 15min), as escasas frecuencias (só cinco en días laborábeis) e o prezo (5,75 euros), o número de usuarios e usuarias deste tren non deixa de aumentar", expón o nacionalista, que recolle datos da CGT que indican que nos últimos anos aumentou o número de viaxeiros e viaxeiras un 25%. "Este contexto evidencia que é necesario un servizo de proximidade que nos una coas vilas da comarca e con Ferrol en clave de axilidade, comodidade, sustentabilidade e prezos asequíbeis", engade.

Campaña do BNG en defensa do tren

Precisamente, os nacionalistas están a desenvolver estas semanas unha campaña en defensa do tren como transporte público e contra o RD 20/2012, de 20 de xullo, que implica a privatización de Renfe, que se converterá en catro empresas diferentes. Baixo o lema "Pola defensa dos camiños de ferro na Galiza e na Coruña", a formación nacionalista reparte material informativo e recolle sinaturas contra os plans do Goberno central que, coa escusa da crise, pretende reducir servizos ferroviarios, para esixir a mellora das infraestruturas e para reclamar a transferencia dos servizos ferroviarios á Xunta de Galiza.

 

 

O BNG aposta polo tren a servizo da cidadanía, e non das empresas