O BNG advirte da delicada situación en que se atopan os museos científicos, con perda de visitas
A Coruña, 3 de xullo de 2013.- A concelleira do BNG María Xosé Bravo puxo de manifesto esta mañá, en rolda de prensa, a delicada situación que atravesan os museos científicos da cidade, unha situación corroborada polo informe de xestión do ano 2012. Bravo sinalou que o apartado correspondente aos museos científicos, asinados pola directora, recolle o descenso do número de visitantes e mais a baixa presenza doutras actividades fóra das instalacións. Así, afirma que o número de persoas que visitaron os museos durante o 2012 foi de 403.217, unha baixada do 6,36% respecto ao 2011, e tamén alude á diminución da presenza noutras actividades a través de conferencias, actividades, exposicións... e mesmo da presenza nos medios de comunicación. Este descenso reflíctese, tamén, na redución dos ingresos, tal e como se expón nestas conclusións.
Para a concelleira nacionalista estes datos plasmados en documentación oficial representan unha chamada de auxilio sobre os museos, máxime tendo en conta que son o principal eixo de divulgación científica da cidade, con moita capacidade para atraer visitantes. De feito, María Xosé Bravo apuntou que a revista de propaganda feita con cartos públicos, a LCG, que só lle dedica unha páxina a cultura, salienta a aposta polos museos científicos. Porén, esta aposta non se reflicte no labor do Goberno municipal, que provoca a perda de atracción dos museos científicos para as persoas visitantes.
Causas da perda de visitantes: o perfil inapropiado da nova Dirección e o recorte de orzamento
María Xosé Bravo, que salientou o bo facer dos técnicos do museo, que son quen garanten a actividade, advertiu de que a situación que padecen os museos científicos vén determinada por dous factores: pola escolla da directora, cun perfil inapropiado e que procede do mundo económico, e polo recorte dos orzamentos. Precisamente, cando a concelleira do BNG analizara as contas de 2013, no referente á área de Cultura, xa advertira de que os tesoirazos nas partidas de museos científicos reducirían a capacidade da Coruña para atraer visitantes.
A edila do BNG lembrou a redución que sufriu a partida de reunións, conferencias e cursiños nos museos científicos, cunha baixada espectacular, pasando dos 25.000 euros en 2011, 10.000 euros no 2012 e uns ridículos 2.000 euros nestes orzamentos. E tamén advertiu do recorte en exposicións nos museos científicos, partida que diminuíu dos 154.000 euros de 2011, aos 150.000 do 2012 até os 135.000 dos orzamentos de 2013.
Sobre o recorte de orzamento, con impacto directo sobre a redución do número de visitantes e sobre a diminución da presenza fóra das instalacións, María Xosé Bravo advertiu de que o orzamento global da área de Cultura apenas variou respecto dos anos anteriores. Porén, o Goberno municipal prefire gastar cantidades obscenas en festas e non en cultura.
Mención ao labor de anos anteriores
Chamou a atención María Xosé Bravo sobre o feito de que nas conclusións da memoria de xestión, no referido aos museos científicos, se recolla, explicitamente, un recoñecemento do labor de anos atrás.
Así, advírtese de que o traballo realizado durante os anos anteriores permitiu que durante o 2012 se negociara a participación en varios proxectos financiados con fondos europeos que deberían plasmarse no 2013.