O BNG acompaña @s emigrantes retornad@s que están a ser tratados polo PP como defraudador@s fiscais
A Coruña, 29 de outubro de 2013.- O BNG da comarca da Coruña, representado polo responsábel comarcal, Paulo Carballada, o portavoz do BNG no Concello da Coruña, Xosé Manuel Carril, a concelleira Avia Veira e a deputada provincial Silvia Seixas, acompañou na mañá de hoxe as persoas emigrantes retornadas concentradas fronte á delegación da Axencia Tributaria, onde as nacionalistas tamén reclamaron a anulación inmediata de todos os expedientes sancionadores recibidos por persoas beneficiarias de pensións no estranxeiro por non tributaren por estas cantidades nos exercicios seguintes ao 2008.
As nacionalistas, que critican que o Goberno central trate as persoas afectadas como defraudadoras fiscais, advirte de que este colectivo nunca recibiu notificación ningunha sobre a obriga de declarar as contías percibidas no estranxeiro. O BNG sinala que existía un descoñecemento total da obriga de facer a declaración anual do IRPF, o que confirma a falta de intencionalidade ou fraude por parte destas. De feito, os estados pagadores nunca lles expediron ningunha certificación en relación coas cantidades percibidas.
Con estes antecedes, resulta sorprendente que cinco anos máis tarde as emigrantes retornadas reciban o requirimento por parte da Axencia Tributaria coa advertencia dunha posíbel multa por non teren cumprido coas obrigas tributarias que descoñecían. Esta situación inxusta, salienta o BNG, contrasta coa dos evasores fiscais que se benefician dunha amnistía.
O PP rexeitou a moción do BNG que pedía a anulación dos expedientes sancionadores e mais dos requirimentos relativos aos anos 2008, 2009, 2010, 2011 e 2012
O Grupo Municipal do BNG lembra que o Partido Popular se opuxo á súa moción presentada no último pleno ordinario sobre o saqueo en que están inmersas as persoas emigrantes retornadas. Tratábase dunha moción en que as nacionalistas reclamaban a anulación dos expedientes sancionadores e mais dos requirimentos relativos aos anos 2008, 2009, 2010, 2011 e 2012.