O BNG reclama compromiso orzamentario coa conexión ferroviaria do porto exterior
A Coruña, 29 de outubro de 2013.- O BNG esíxelle ao Ministerio de Fomento que corrixa a ridícula partida de 50.000 euros para a conexión ferroviaria do porto exterior antes de aprobar definitivamente os orzamentos xerais do Estado. No convenio asinado entre até a Autoridade Portuaria e Repsol, a petroleira comprométese a utilizar as instalacións de Punta Langosteira para carga e descarga de graneis sólidos (coque e xofre) cando as condicións e servizos existentes no porto exterior, incluíndo, en particular, os seus accesos por estrada ou ferrocarril así o permitan.
As nacionalistas poñen de manifesto que a esperada conexión ferroviaria non poderá ser realidade co nulo compromiso orzamentario do Goberno central cunha das infraestruturas clave do porto exterior. De feito, o propio presidente da Autoridade Portuaria ten sinalado en declaracións aos medios que a ministra de Fomento é consciente de que un porto exterior sen ferrocarril é un porto exterior coxo. Tamén ten admitido o Sr. Losada que a ausencia de comunicación ferroviaria fixo desistir potenciais clientes de se instalar en Punta Langosteira.
O BNG non entende como se pode gastar tantos millóns na que é a obra pública máis cara de Galiza á vez que se deixa a un lado a conexión por camiños de ferro, unha vía de comunicación básica para a normal operatividade do porto, nomeadamente para transportar graneis (coque e xofre no caso concreto de Repsol). O escaso interese do Ministerio de Fomento pola conexión ferroviaria é tal que os orzamentos de 2014 nin sequera recollen previsións de investimento para os próximos anos.
As nacionalistas esperan que o Goberno do Sr. Negreira contribúa a presionar o Ministerio de Fomento de cara a garantir, cunha data concreta, a conexión ferroviaria do porto exterior na aprobación definitiva dos orzamentos de 2014.
O convenio tamén beneficia Repsol no que respecta á remediación ou descontaminación dos terreos
Pola outra banda, o Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que o convenio de Repsol, alén de condicionar o traslado da petroleira ao cumprimento de certas condicións e de compensacións económicas e en especie, tamén beneficia a multinacional no que ten a ver coa remediación ou descontaminación dos terreos que vaia deixar libres en San Diego. No caso de que a Autoridade Portuaria decida ocupar o terreo liberado ou concederllo a un terceiro, Repsol remediará ou descontaminará a zona a uso industrial de grado 2, moito máis vantaxoso económicamente para a multinacional que facelo a usos urbanos e residenciais, cuxo custo económico sería maior.