O BNG reclama contra o modificativo para que o Concello da Coruña asuma o copago en medicamentos
A Coruña, 29 de outubro de 2013.- O Grupo Municipal do BNG presentou esta mañá por rexistro a reclamación contra o modificativo de crédito, aprobado inicialmente polo PP no Pleno ordinario de outubro, co fin de que o Concello da Coruña asuma o copago de medicamentos da veciñanza gravemente enferma mentres o Goberno central non derrogue esta medida inxusta. O BNG propón destinar o suplemento de crédito de 302.000 euros do IMCE á partida de emerxencia social para poder facerlle fronte ao novo medicamentazo da Sra. Farjas.
As nacionalistas consideran unha obriga moral do Sr. Negreira plantarlle cara a unha decisión da Sra Farjas, ex concelleira do PP na Coruña e actual secretaria xeral de Sanidade e Consumo do Goberno central, que sobrepasa toda fronteira da ética. A coruñesa, daquela grande defensora dos servizos sociais cando ocupaba a bancada da oposición no salón de plenos, é a culpábel do copago en fármacos de dispensación hospitalaria a doentes que padecen enfermidades graves, como leucemia, cancro de mama ou riles, tumores cerebrais, hepatite ou a sida.
Para as pacientes non hospitalizadas, a resolución do 10 de setembro de 2013, impulsada polo Sra. Farjas, entrou en vigor o 1 de outubro e para as pacientes hospitalizadas entrará en vigor o 1 de xaneiro. Por iso, o BNG urxe a que o Goberno municipal atenda a súa reclamación ao segundo modificativo de crédito do ano por unha cuestión de prioridades. Lembran as nacionalistas que, a través do primeiro modificativo de crédito, aprobado definitivamente no mes de xullo, o PP aumentou en 900.000 euros o orzamento do IMCE para festas e espectáculos. Por iso, consideran inadmisíbel que, unha vez máis, se engadan cartos para o IMCE cando veciñas da Coruña están a sufrir xa o impacto do medicamentazo da Sra. Farjas.
O Grupo Municipal do BNG acusa a ex concelleira coruñesa de facer da sanidade pública un artigo de luxo digno só para os petos máis abundantes e alerta de que, tal e como advirten colectivos de profesionais de enfermeiras, médicas ou farmacéuticas, esta medida inxusta provocará que moitas pacientes abandonen o seu tratamento por razóns económicas.
O BNG pide que o Concello da Coruña se sume ao espírito de Riotorto
O Grupo Municipal do BNG espera que o Concello da Coruña se sume ao espírito de Riotorto, corrente xurdida no primeiro concello de Galiza, gobernado polo BNG, en enfrontarse ao copago e que está a servir de revulsivo en todo o país. O Sr. Negreira terá que decidir se engade A Coruña aos concellos que asumen o copago dos medicamentos namentres o Goberno central non derrogue o medicamentazo ou se camiña cara a discriminación iniciada pola Sra. Farjas cara as persoas vulnerábeis.
As nacionalistas salientan que o BNG está a poñer en marcha nos concellos en que goberna unha estratexia de defensa dos dereitos sociais fronte aos recortes do PP que supoñen un auténtico golpe de estado contra a sanidade universal e gratuíta.
Por último, o BNG anuncia que se participará nas protestas contra o copago que terán lugar ante os hospitais públicos de toda Galiza o 8 de novembro, así como na gran mobilización social o 17 de novembro para acadar a retirada da medida.