Benestar requírelle a Negreira a información sobre a exclusión de crianzas con diversidade funcional
A Coruña, 4 de marzo de 2015- A deputada do BNG Carme Adán logrou arrincar o compromiso da Consellaría de Traballo e Benestar para que lle solicite ao Concello da Coruña toda a información relativa á exclusión de crianzas con diversidade funcional das actividades e campamentos organizados pola Concellaría de Cultura, de cara a requirirlle ao Goberno do Sr. Negreira que cumpra a normativa vixente. Carme Adán acadou este compromiso da Xunta de Galiza na comisión de Sanidade, Política Social e Emprego que tivo lugar esta mañá.
Na exposición da pregunta oral para coñecer que medidas prevé adoptar o Parlamento ao respecto, a parlamentar nacionalista realizou un repaso por toda a normativa en materia de discapacidade para demostrar que o Goberno local da Coruña incumpre a lei ao impedir a participación de nenos e nenas con diversidade funcional nas actividades de lecer e nos campamentos de Nadal e de verán da Concellaría de Cultura. Así, Carme Adán aludiu á Lei 10/2014, do 3 de decembro, de accesibilidade; ao Real decreto lexislativo 1/2013, do 29 de novembro, polo que se aproba o texto refundido da Lei xeral de dereitos das persoas con discapacidade e da súa inclusión social e á Convención Internacional sobre os Dereitos das Persoas con Discapacidade, aprobada o 13 de decembro de 2006 pola ONU e ratificada polo Estado Español en 2007.
Na súa intervención, Carme Adán lembrou o caso dunha nena de 4 anos con diversidade funcional á que o Goberno do Sr. Negreira lle impediu o acceso ao campamento de verán organizado pola Concellaría de Cultura no Ágora. A deputada do Bloque lembrou que despois deste caso, que provocou un debate social na cidade, o Goberno local, lonxe de corrixir a súa postura, teimou en excluír os nenos e nenas con diversidade funcional das actividades de lecer organizados por Cultura e do campamento de Nadal.
Carme Adán denunciou na Comisión que desde o 2013 a Concellaría de Cultura recolle unha cláusula en todos os folletos informativos das actividades que organiza na que se recolle que Estas actividades no cuentan con profesionales de apoyo para niños con necesidades educativas específicas. A parlamentar nacionalista concluíu a súa intervención pregándolle á secretaria xeral do Benestar que non se exclúan os nenos e nenas con diversidade funcional de ningunha das actividades organizadas polo Concello da Coruña.
Pola súa banda, a secretaria xeral do Benestar, amais de se comprometer a solicitarlle ao Goberno local da Coruña toda a información da que lle deu conta Carme Adán, recoñeceu que o Concello da Coruña incumpre a lei ao excluír as crianzas con diversidade funcional das citadas actividades.