O BNG lamenta que o Goberno comece aínda agora a declaración de lesividade de Nostián
A Coruña, 4 de marzo de 2015.- Máis vale tarde que nunca, mais é unha pena que o Goberno do Sr. Negreira comece agora o proceso de declaración de lesividade do acordo de Xunta de Goberno Local de 8 de abril de 2011 xusto despois de que Albada o teña denunciado nos tribunais por incumprir este acordo. E moito máis, cando Carril leva insistindo desde 2011 que a vía procesual máis oportuna era acudir aos tribunais, solicitando a declaración de lesividade do acordo da Xunta de Goberno Local de 8 de abril, que xa no seu día non contara co voto a favor do BNG para a súa aprobación.
O BNG xa puxera de manifesto en decembro de 2011, incluída unha rolda de prensa de Xosé Manuel Carril o 19 de decembro, que o procedemento máis atinado era o de lesividade, previsto no art. 103 da Lei 30/1992, previo trámite de audiencia ao concesionario e a súa posterior remisión ao Xulgado do Contencioso para que declarase a conformidade ou non da revisión do acordo. Con todo, o Goberno Local do Partido Popular, en Xunta de Goberno Local de 16 de decembro, escolleu a vía de incoar expediente de revisión de oficio, sen agardar polos resultados das auditorías técnicas contratadas e adxudicadas. Revisión de oficio que o Consello Consultivo de Galiza rexeitou no seu ditame de 18 de setembro de 2012 sinalando que nin o procedemento nin o momento escollido para revisar e suspender o acordo de abril de 2011 eran os máis oportunos e que había que esperar ao resultado das auditorías.
Logo do ditame do Consello Consultivo, o BNG volveu reiterar que a vía procesual máis oportuna era o da lesividade e que aínda se estaba a tempo de formulala. Así, en notas de prensa de 30 e 31 de outubro e 2 de novembro de 2012 as nacionalistas insitían sobre o asunto. E non só nisto, senón que na sesión plenaria do día 4 de febreiro de 2013 Carril formulou unha pregunta oral en relación co asunto insistindo: Nós simplemente o que queremos é ter coñecemento e que inmediatamente por parte do concello, dado que está na idea de que a acordo non é correcto, e así estamos todos, que declaren a súa lesividade porque aínda estamos a tempo. Isto é que dean trámite de audiencia, sobre a base desas auditorías e ao mesmo tempo que o poñen en coñecemento dos propios tribunais.
O BNG leva máis de tres anos advertindo cal tiña que ser a vía a seguir. Porén, o Goberno Local comeza agora o proceso de declaración de lesividade logo de que Albada o teña denunciado xudicialmente.