#TodasAsCoruñas recolle en Nostián propostas para poñer en lugar este núcleo rural
A Coruña, 3 de marzo de 2015- Membros da candidatura do BNG-Asembleas Abertas visitaron Nostián, no marco da campaña #TodasAsCoruñas para convidar a veciñanza a achegar as propostas que quixeren para mellorar a calidade de vida neste núcleo rural, propostas que as nacionalistas incluirán no programa electoral xunto coas achegas que xa tiña realizado a directiva da asociación veciñal.
Entre as peticións máis repetidas pola veciñanza atópase a realización das xestións oportunas coas administracións competentes para reasfaltar a estrada entre Nostián e Meicende e acondicionar as gabias e a redución da contaminación, dos ruídos e dos cheiros das industrias, así como o control dos niveis ambientais e acústicos prexudiciais para a saúde da veciñanza. Ademais, os veciños e veciñas tamén propuxeron o desenvolvemento do plano integral de rehabilitación do pobo e a recuperación dos camiños tradicionais.
Máis unha vez, os membros da candidatura do BNG-Asembleas Abertas, entre os que se atopaba o cabeza de lista, Xosé Manuel Carril, puideron comprobar que este barrio rural da Coruña que o propio Carril tiña visitado en numerosas ocasións- sofre por estar pegado á planta de tratamento de residuos sólidos urbanos e á refinaría. Amais do ruído provocado pola actividade das plantas, a veciñanza de Nostián tamén se ve afectada polo carbono e polo xofre que se acumulan e moven a ceo aberto, polos problemas de tráfico e de cheiros.