Avia Veira: Propoñemos melloras na ordenanza da RSM para conseguir que sexa máis concreta"
A Coruña, 19 de novembro de 2015.- O Grupo Municipal do BNG insiste nas súas propostas para mellorar o proxecto de ordenanza da Renda Social Municipal que ao seu entender debe ser máis concreta para evitar a arbitrariedade.
Avia Veira: Propoñemos melloras na ordenanza da Renda Social Municipal para conseguir que sexa máis concreta e non dea lugar a arbitrariedades ou discrecionalidades
Así, o BNG considera que no actual proxecto non están recollidas de xeito concreto as necesidades básicas que poderían ser cubertas con esta renda. Só se fala de xeito xenérico da alimentación, do vestiario, dos coidados persoais e da vivenda; e non estarían recollidas, por exemplo, medicamentos, libros de texto ou material escolar. Ademais na resolución, segundo o artigo 28, aparecerán a contía máxima e os contidos para os que se concede a renda, de xeito que se concederá unha cantidade para uns determinados gastos segundo as persoas.
O Grupo Municipal do BNG, que detectou inconsistencias, propón que se corrixan todas aquelas partes da ordenanza que dan lugar a dúbidas
No entanto, o Bloque propón que na ordenanza se recolla unha listaxe coas necesidades básicas que poden ser susceptíbeis de ser cubertas con esta renda para que as persoas beneficiarias poidan empregar a contía asignada para as súas prioridades sempre dentro do que a propia ordenanza, e non unha resolución, estabeleza-, que o máis normal é que sexan diferentes segundo o mes. Non é o mesmo para unha familia un mes de verán, que o mes de setembro, ou o de novembro, os tipos e os conceptos de gastos en necesidades básicas varían, exemplifican as nacionalistas.
Canto á mesa de avaliación, o Bloque indica que no proxecto de ordenanza só se recolle que estará composta por un número non inferior a tres persoas funcionarias de carreira adscritas aos servizos sociais municipais. Porén, as nacionalistas entenden que, na ordenanza que finalmente se aprobe, deberá especificarse o número exacto de persoas que compoñerán a mesa de avaliación, os seus membros así como a categoría ou grupo laboral e, no seu caso, a responsabilidade dentro dos servizos sociais municipais.
Por último, no que ten a ver co artigo 24 que regula o estabelecemento dunha prelación de solicitudes, o Bloque entende que a elaboración dunha prelación de solicitudes cuns determinados criterios- en caso de insuficiencia de crédito supón unha discriminación, que é preciso corrixir na ordenanza que se vaia aprobar, pois cando si houber crédito acceden á renda todas as persoas que cumpren os requisitos sen que nese momento se estabeleza ningunha prelación.
Artigos relacionados: