Avia Veira entrégalle ao alcalde un compendio de leis para que deixe de vetar o uso do galego
A Coruña, 7 de novembro de 2013.- A concelleira do BNG Avia Veira envioulle esta mañá ao Sr. Negreira un compendio de leis relativas ao uso do galego por parte da Administración local e á normalización da nosa lingua visto o veto que sofre o idioma na nosa cidade por parte do Goberno municipal. Entre a normativa que lle achegou ao alcalde por se as descoñecer, figuran o Título Preliminar do Estatuto de Autonomía de Galiza; a Lei 3/1983, do 15 de xuño, de normalización lingüística; a Lei 5/1997, do 23 de xullo, da Administración Local de Galiza e mais o Plan de Normalización Lingüística de Galiza de 2004.
En declaracións aos medios á entrada do rexistro municipal, Avia Veira acusou o Partido Popular de incumprir, de xeito sistemático, a lexislación vixente en materia de lingua e de ser o culpábel de que o galego estea a desaparecer do Concello da Coruña. De feito, denunciou que o nivel de exclusión da nosa lingua que se dá no Concello non se dá en ningunha outra urbe de Galiza, goberne quen gobernar.
O Sr. Negreira e o seu goberno actúan como se descoñecesen que o galego, tal e como di o Estatuto de Autonomía, é a lingua propia de Galiza, advertiu a concelleira nacionalista, quen lembrou o retroceso que sufriu o idioma desde que o PP chegou á Alcaldía. Ademais de suprimir a Concellaría de Normalización Lingüística, o PP eliminou a partida orzamentaria de fomento para a lingua e mais a formación en galego ás empregadas municipais, reduciu a documentación interna en galego e mesmo emprega toponimia deturpada e ilegal. O uso da nosa lingua no Concello fica reducido a cuestións irrelevantes e anecdóticas, con estereotipos e tópicos prexudiciais, engadiu.
A Concellaría de Emprego e Empreso emprega o topónimo ilegal con premeditación e aleivosía
Avia Veira puxo de manifesto que unha das Concellarías do PP que máis incumpre as leis en materia de lingua é a de Emprego e Empresa, que se atreve a usar o topónimo ilegal La Coruña, como vimos de comprobar coa campaña Coruña Wapa que, amais de sexista é antigalega.
A concelleira do BNG acusa o PP de empregar o topónimo ilegal con premeditación e aleivosía nesta campaña, pois os pregos técnicos de Coruña Wapa para a contratación da organización, produción e difusión (contrato licitado por 180.000 euros) recollen como requirimento que, en todo o material promocional do evento, o contratista empregará o logotipo do Concello e o do comercio local e achega como ANEXO un suposto logo do Concello da Coruña en que se emprega toponimia ilegal.
Por unha cuestión puramente ideolóxica, o Sr. Negreira semella querer emular a Paco Vázquez e regresar aos tempos máis escuros para a nosa lingua, afirmou a concelleira do BNG en relación ao uso do topónimo ilegal.
A concelleira de Emprego e Empresa terá que explicar o veto á nosa lingua e o uso do topónimo ilegal na campaña sexista e antigalega Coruña Wapa
Neste contexto, Avia Veira tamén lles deu a coñecer os medios de comunicación unha batería de preguntas para a resposta escrita en que se interesa polos motivos que levan a Concellaría de Emprego e Empresa a utilizar a toponimia ilegal e instan o Goberno do PP a explicar por que non se corrixiu esa topinimia ilegal (o BNG xa a denunciara no mes de setembro, cando foron publicados no perfil do contratante os pregos técnicos de Coruña Wapa).
Tamén pregunta Avia Veira por que a Concellaría de Emprego e Empresa nunha usa a lingua galega nas súas actividades e/ou campañas e se considera o PP que o galego non é unha lingua útil para promover o emprego e a economía.