O BNG pide que A Coruña se sume ao "espírito de Riotorto" e asuma e copago en medicamentos
A Coruña, 7 de novembro de 2013.- O BNG da Coruña reivindica que o Concello da Coruña se adhira ao espírito de Riotorto, unha estratexia de resposta das organización nacionalista contra o inxusto copago, ou repago, de medicamentos de dispensación nas farmacias dos hospitais para doentes graves, con enfermidades como cancro de mama ou de ril, tumores cerebrais, leucemia, artrite reumatoide, esclerose múltiple, hepatite C... ou medicamentos para a reprodución asistida, DIU hormonal...
O Concello da Coruña, advirten as nacionalistas, pode contribuír a facerlle fronte a esta medida inxusta e insensíbel impulsada desde Madrid pola ex concelleira coruñesa Pilar Farjas se o Goberno municipal asume a reclamación formulada polo BNG ao modificativo de crédito aprobado inicialmente en outubro. Con esta reclamación, o BNG propón destinar o suplemento de crédito de 302.000 euros do IMCE á partida de emerxencia social, co fin de que o Concello asuma o copago mentres non se derrogue a resolución de 10 de setembro de 2013, con entrada en vigor en xaneiro.
Concentración, mañá venres, ás 20h, en Durán Loriga
Nesta liña, o BNG da Coruña apoia as iniciativas de protesta e denuncia contra esta medida inxusta do PP que se lles aplicará a doentes que xa están sometidos ao copago doutros medicamentos dispensados nas farmacias habituais, ao pago de próteses e outros gastos sociosanitarios.
O BNG da Coruña chama o pobo a se mobilizar contra este novo imposto á enfermidade, desta vez ás persoas doentes de maior gravidade, na concentración convocada por SOS Sanidade Pública A Coruña (plataforma da que o BNG forma parte) para mañá, venres, ás 20h, diante da delegación do Sergas da Coruña (R/Durán Loriga).