Galiza Nova protesta contra o desemprego e a emigración xuvenil ante a conselleira de traballo
A Coruña, 7 de novembro de 2013.- A organización xuvenil Galiza Nova, mocidade do BNG, organizou na tarde de hoxe unha protesta pola calamitosa situación do mercado laboral para a mocidade galega, caracterizada por uns altos índices de desemprego e emigración que son os resultados das políticas que están a levar a cabo os gobernos do PP no Estado e en Galiza, colocando o noso país nun escenario insostíbel e de absoluta desesperación para milleiros de mozos e mozas que ven día a día como a emigración é o único camiño para tentar atopar emprego.
A protesta tivo lugar durante a intervención da Conselleira de Traballo, Beatriz Mato, na sesión de clausura do Congreso de Sostenibilidad Social y Económica del sector pesquero que se desenvolveu durante os días de onte e de hoxe no Palexco da Coruña.
Varias ducias de simpatizantes da organización xuvenil nacionalista fixeron uso da palabra interpelando o discurso da Conselleira do PP, demandando solucións á problemática laboral, contra a emigración, e reclamando un plan de emprego xuvenil efectivo. Na protesta, totalmente pacífica, os integrantes da organización xuvenil do BNG expresaron consignas como Queremos traballar, e non emigrar, Galiza ceibe, sen emigración, Beatriz, emigra ti ou Emprego digno, na nosa terra.
Galiza Nova, que ven desenvolvendo unha campaña polo emprego xuvenil, lembra que cada día setenta persoas mozas teñen que emigrar en Galiza, en moitos casos tratándose de persoas formadas que dificilmente van retornar. Xa no pasado ano, un total de 26.000 persoas emprenderon ese camiño e a sangría non se detén mentres que o PP trata de falsear a realidade con proxectos absolutamente irreais e medidas que lonxe de crear emprego só conseguen arrastrar á precariedade a máis xente moza, que está a pagar co seu futuro unha crise que non lle corresponde pagar. A realidade é implacábel: a taxa de paro xuvenil real supera o 50 % e máis de 80.000 persoas mozas buscan un emprego que o PP non sabe nin quere crear.