Ana Luísa Bouza propón unha tarifa eléctrica máis baixa para Galiza
A Coruña, 5 de outubro de 2012.- O BNG da Coruña comezou os mitins de campaña esta tarde no Ventorrillo, onde a candidata Ana Luísa Bouza, acompañada do candidato Suso Bermello e da concelleira María Xosé Bravo, apelou a votar o BNG para parar as políticas de recorte e a desindustrialización da comarca. Votar o PP é darlle un cheque en branco a Rajoy para que baixe as pensións e os salarios, alertou. Os e as nacionalistas tamén lle deron voz no mitin a un traballador de Alcoa, Julio Moskovich, quen debullou a complicada situación laboral que padecen os empregados pola falta de políticas industriais da Xunta e pola incapacidade do Sr. Negreira para defender os intereses da Coruña.
Precisamente, Bouza criticou a recente visita do ministro de Industria, que non quixo garantir o mantemento dos postos de traballo en Alcoa, o alcalde da Coruña, o conselleiro de Industria e o ministro parecían unha procesión de caladiños e non foron quen de garantir a actividade industrial na planta que a empresa ten na Coruña. Tamén reprobou Bouza a desconsideración do ministro ao negarse a recibir os representantes dos traballadores, que lles querería ocultar?, preguntouse, pois que non ten plan para manter os postos de emprego en Alcoa, engadiu.
Neste contexto, a candidata do BNG propuxo unha tarifa enerxética máis baixa para Galiza, como territorio excedentario na produción de enerxética eléctrica, unha iniciativa fundamental para o mantemento de Alcoa, para o asentamento de novas empresas e para a calidade de vida dos e das galegas.
A industria é columna vertebral da nosa comarca e no BNG pularemos por fomentar e apoiar a actividade industrial
Bouza puxo de manifesto que os polígonos industriais son columna vertebral da cidade e da comarca e sector indispensábel para asegurármonos unha fonte de riqueza. O BNG traballará por fomentar e apoiar a actividade industrial, por políticas que impulsen os nosos sectores produtivos, para o que é necesaria unha banca pública galega e unha reforma fiscal progresiva, que fornezan de crédito ás familias e os nosos recursos, salientou. Engadiu a necesidade de aumentar o investimento en I+D+i. Os recortes de Feijóo en I+D+i provocaron a marcha dun número importante de investigadores e investigadoras pola falta de oportunidades para desenvolver o seu traballo, advertiu. Neste sentido, comprometeuse a garantir a estabilidade no posto de traballo dos investigadores mediante un Estatuto persoal do investigador.
Bouza expuxo que fronte a unha comarca desindustrializada polos repetidos ERE da campioa do desemprego, Beatriz Mato, en Caramelo, Mafecco, Emesa, Emesa-Trefilería, Bunge Ibérica, Industrias Caamaño... o BNG aposta polos nosos polígonos industrais e por poñer a cidade, a comarca e o país a producir. É posíbel, temos os recursos, só é necesario exercermos a soberanía e decidirmos por nós mesmos para impulsarmos as nosas potencialidades, exclamou. Temos uns sectores estratéxicos na Coruña que cómpre impulsar, referiuse á ría do Burgo, aos propios polígonos industriais, ás actividades do porto, á Universidade da Coruña, ao comercio ou á hostalaría.
Por último, Bermello e Bravo salientaron que o PP perderá se se concentran todos os votos nacionalistas e de esquerdas no BNG.