Xa ía sendo hora de que o Sr. Negreira souber as condicións leoninas da ORA e guindastre
A Coruña, 5 de outubro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG alude ás declaracións do Sr. Negreira respecto da revisión da concesión da ORA e do guindastre. Ía sendo xa o momento de que o alcalde se decatara da ruína que lle supón ao Concello e dos substanciosos beneficios que recolle a empresa, como vimos denunciando no BNG desde hai un ano, sinalan os nacionalistas. E é que desde o pasado 6 de decembro de 2011, o Grupo Municipal do BNG denunciou, de xeito repetido, as condicións leoninas que representa esta concesión para o Concello, unha vez que a Xunta de Goberno de 2 de decembro de 2011 aprobaba a liquidación da ORA e do guindastre (correspondente ao período de decembro de 2010 a setembro de 2011), cun déficit para o Concello de -621.509,01 euros.
Desde ese mesmo momento, en decembro de 2011, os nacionalistas esixíronlle ao Sr. Negreira a revisión desta concesión, recibindo como resposta o non do Goberno municipal. Tamén en agosto deste mesmo ano, os nacionalistas daban conta da nova liquidación, aprobada en Xunta de Goberno Local do día 10, revelando un déficit para o Concello de 377.314,75 euros entre decembro do 2011 e xuño do 2012. Nunca é tarde para rectificar, ironizan, sobre as declaracións do alcalde nas que asegurou que revisará a ORA.
Hai só catro días o Sr. Negreira votaba en contra dunha moción do BNG para revisar a concesión da ORA e do guindastre
Paradoxalmente, o Sr. Negreira votaba en contra, no Pleno do pasado luns, a unha moción presentada polo Grupo Municipal do BNG para revisar a concesión da ORA e do guindastre. Dado que en tres anos e medio a ORA e o guindastre supuxeron para o Concello -2.272.049,19 euros, os nacionalistas pedían nesta moción a revisión da concesión, en base á lexislación aplicábel, que permite a fiscalización por parte do Concello da actuación da concesionaria.
O artigo 127.1.2 do regulamento de servizos das Corporacións locais, dispón que a Corporación ostentará respecto da concesionaria a potestade de fiscalizar a xestión do concesionario, a cuxo efecto poderá inspeccionar o servizo, as súas obras, instalacións e locais e a documentación relacionada co obxecto da concesión e ditar as ordes para manter ou restabelecer a debida prestación.