A ampliación de Alfonso Molina non é a solución aos problemas de mobilidade da cidade e da comarca

A ampliación de Alfonso Molina non é a solución aos problemas de mobilidade da cidade e da comarca

A Coruña, 22 de marzo de 2013.- O Grupo Municipal do BNG pon de manifesto que a ampliación de Alfonso Molina non é a solución aos problemas de mobilidade que padecemos na cidade e sinala que a solución está nos medios de transporte alternativos ao coche, como o tren de proximidade ou o transporte marítimo. As nacionalistas, que avogan por investir no transporte colectivo metropolitano en vez de gastar en grandes obras, botan en falta actuacións sobre a xénese do problema, o fluxo de 145.000 ao día, e advirten de que é necesario evitar que continúen entrando e circulando coches na cidade.

Nesta liña, o Grupo Municipal do BNG insiste en que a desconxestión do tráfico na Coruña non depende só de intervencións na mobilidade por estrada, senón na aposta por outras vías de comunicación alternativas. Para iso, entenden que é fundamental mellorar o transporte público metropolitano, nomeadamente, o tren de proximidade. Mais este transporte público metropolitano ten que actuar baixo as claves de frecuencia, axilidade, comodidade, boas conexións e prezo asequíbel para que poida converterse nun un auténtico servizo de interese xeral alternativo ao automóbil privado.

Dado que esta tarde a ministra de Fomento realiza unha visita propagandística á Coruña para anunciar a ampliación de Alfonso Molina, as nacionalistas emprazan o alcalde a lle esixir que non desmantele o servizo ferroviario e a lle reclamar un tren de proximidade que nos una coas vilas da comarca e cos puntos estratéxicos da cidade. E é que segundo o borrador do plan de recorte de servizos ferroviarios en base ao real decreto lei 20/2012, de 13 de julio, de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade, a liña A Coruña-Ferrol sufriría a supresión de 24 trens por semana e a liña A Coruña-Lugo-Monforte perdería 14.

Nesta liña, sinalan que non son necesarias obras faraónicas nin grandes investimentos, xa que as infraestruturas xa están listas para seren usadas. Así, lembran que as vías de ferro xa pasan polos principais concellos da comarca, polos polígonos industriais, polo campus universitario de Elviña e chegan até a praza de Ourense.

 

A pasarela de Palavea tiña que estar finalizada este ano

Sobre a pasarela de Palavea, as nacionalistas poñen de manifesto que tería que estar rematada este mesmo ano, tal e como prometera o alcalde nas eleccións municipais.

Ademais de formular unha pregunta oral en Pleno, o BNG levou ao Congreso dos Deputados unha iniciativa e presentou emendas parciais aos orzamentos xerais do Estado dos últimos anos, emendas que foron rexeitadas polo Goberno municipal, para a construción da pasarela peonil e comunicase Palavea, Pedralonga e Santa Xema.

A ampliación de Alfonso Molina non é a solución aos problemas de mobilidade da cidade e da comarca