Os feitos demostran que Méndez non merecía o título de fillo predilecto da cidade da Coruña
A Coruña, 22 de marzo de 2013.- O Grupo Municipal do BNG considera que a devolución do título por parte de José Luis Méndez é consecuencia do procedemento aberto no propio Concello da Coruña, un procedemento que viña demandando o BNG desde xullo de 2012. De feito, as nacionalistas foron as primeiras en levar a Pleno, na sesión ordinaria de xullo de 2012, unha moción para a retirada do título de fillo predilecto ao ex director xeral de Caixa Galicia. Porén, a iniciativa non puido debaterse pola negativa do Partido Popular.
O Grupo Municipal do BNG salienta que os feitos poñen de manifesto que Méndez non era merecedor do título de fillo predilecto. Ademais de impulsar a fraude das preferentes, o ex director xeral colocou os seus fillos nos máis altos postos directivos da caixa e cobrou indemnizacións multimillonarias cando a entidade xa recibira inxentes axudas públicas e cando a sociedade xa estaba sufrindo a crise económica.
A mala xestión de Méndez supuxo a desaparición de Caixa Galicia e supuxo, tamén, que as súas sucesoras, Novacaixagalicia e Novagalicia Banco, tiveran que ser rescatadas con inxentes recursos públicos.
Ao sobreendebedamento da entidade, súmanselle a lousa da sobre-exposición no sector inmobiliario e as participacións empresariais erróneas, así como o desinvestimento de Caixa Galicia en empresas asentadas na Coruña, das que moitas xa pecharon e outras moitas atravesan graves dificultades. Non esquecen as nacionalistas a perda do emprego, tanto en NCG como nas empresas auxiliares e nas empresas afogadas pola falta de crédito, así como os grandes mausoleos de dubidosa rendibilidade social que hipotecan o futuro da Obra Social.