Bravo: "As solucións para Alvedro non son as axudas públicas, é un sistema aeroportuario galego"
A Coruña, 21 de marzo de 2013.- A concelleira do BNG María Xosé Bravo puxo de manifesto esta mañá que a solución á crise que padece Alvedro non son as axudas públicas, senón a creación dun sistema aeroportuario en clave galega en que os tres aeroportos operen en igualdade e complementariedade. "Non compartimos que o Goberno municipal vaia pagar 4 millóns de euros para que compañías aéreas operen en Alvedro en tempos de crise, cando se lles está a sacar cartos a persoas desempregadas ou cando se lles pide ás familias que paguen o comedor escolar e os libros", sinalou Bravo na rolda de prensa posterior á reunión que mantivo xunto á concelleira Avia Veira co presidente e vo secretario do Comité de Empresa de AENA en Alvedro, Justo Pérez e Carlos Somoza, respectivamente.
Na mesma liña, Bravo advertiu de que "só traballándomos, conxuntamente, a través dun sistema aeroportuario galego poderemos facerlle fronte a aeroportos, como o Sáa Carneiro, que seguen a levar pasaxeiros e pasaxeiras". Lembrou que o BNG levou a Pleno unha moción neste sentido que o PP nin sequera permitiu debater. Tamén expuxo que as nacionalistas presentaron, recentemente, unha batería de preguntas para a resposta escrita nas que se interesan pola estratexia a seguir polo Goberno municipal en política aeroportuaria.
Pola outra banda, Bravo sinalou que ao BNG lle preocupa a caída constante de operación en Alvedro, xa que o ano pasado o número de persoas usuarias do aeroporto da Coruña caeu un 16% e o tráfico de mercadorías baixou un 22% e este ano comezámolo cunha caída de 18.200 pasaxeiros e pasaxeiras. Porén, apelou a non ser pesimistas e cualificou de boa nova a chegada de Air Europa, en xuño, ao aeroporto de Alvedro.
Sobre Air Europa, a concelleira do BNG revelou ter "unha sensación de deja vu", despois dos distintos anuncios do Goberno municipal sobre novas compañías aéreas en Alvedro que resultaron ser fume ou ben duraron pouquísimo, como o caso de Easyjet que apenas levaba un par de meses operando desde A Coruña cando anunciou a súa marcha. "Esperamos que a chegada de Air Europa sexa o alicerce para que a medio prazo poidamos volver aos números que acadaba Alvedro, que chegou a rexistrar 1,3 millóns de persoas usuarias", manifestou.
Por último, a concelleira do BNG cualificou de "estratéxico" o sector e lembrou que as nacionalistas, nas institucións nas que teñen presenza, sempre se opuxeron á privatización de AENA. Sinalou que, desde onte, persoal dunha empresa privada se ocupa da torre de control de Alvedro e alertou do perigo que supón recortar en materia de seguridade. Así, advertiu de que "cando se trata de gañar cartos e de sacar rendibilidade económica, a seguridade pasa a un segundo plano".
Justo Pérez: "Pedimos que a chegada de Air Europa a Alvedro non sexa flor dun día"
Pola súa banda, o presidente do Comité de Empresa de AENA en Alvedro, Justo Pérez, sinalou que o estado de ánimo dos e das traballadoras non é o mesmo desde que se coñeceu o anuncio da chegada de Air Europa. "Esperemos que, por fin, se cumpla", sinalou. E reclamou que "non sexa flor dun día". Nesta liña, apostou por que a presenza desta compañía sente as bases do futuro para Alvedro, cuxo maior valor, tal e como afirmou, é o nivel de ocupación dos voos.
Justo Pérez confiou en que Alvedro remonte aos poucos e lembrou que a quebra de Spanair destruír 80 postos de traballo no aeroporto da Coruña. "Agardamos que Air Europa axude a recuperar o emprego destruído e que contribúa a mellorar as cifras de persoas usuarias e de operacións", afirmou. Para o Comité de Empresa, manter os datos do ano pasado, uns 850.000 viaxeiros e viaxeiras, sería todo un éxito, despois deste primeiro semestre do ano "perdido".