A adxudicación da cabalgata, unha nova chapuza ilegal do Sr. Negreira

A adxudicación da cabalgata, unha nova chapuza ilegal do Sr. Negreira

A Coruña, 9 de novembro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG denuncia unha nova chapuza ilegal do Goberno do Sr. Negreira, desta vez, na adxudicación da cabalgata de reis, á empresa VS1 Producción Creativa, por un importe de 51,919,01 euros, “por ser su oferta la económicamente más ventajosa en la licitación...”. A razón da adxudicación, sinala o BNG, é falsa, xa que a oferta económica máis vantaxosa era doutra empresa, C.A. Totality Group SLU, que ofertaba 40.000 euros. É dicir, o Goberno do Sr. Negreira adxudicoulle a cabalgata de reis a unha empresa que non era a oferta máis económica. É máis, a oferta gañadora do concurso é un 30% máis cara que a outra.

Os nacionalistas poñen de manifesto que a mesa de contratación valorou con 0 puntos o criterio de aforro de custos da empresa que ofertaba a proposición máis barata. Curiosamente, a oferta de C.A. Totality recibe 0 puntos no criterio 3, mentres que VS1 Producción Creativa recibe 3 puntos. Así, o Grupo Municipal do BNG denuncia que a oferta economicamente máis vantaxosa pata o IMCE, a de C.A. Totality, é valorada con 0 puntos, precisamente, no apartado que debería ter en conta, entre outros, o aforro de custos para o Concello.

Pola outra banda, os nacionalistas advirten de que a sociedade VS1 Producción Creativa constituíuse en xuño deste ano e o seu único socio é Carlos López Ríos. Trátase da mesma persoa á quen se lle adxudicou o contrato o ano anterior.

Co PP no Goberno, as cabalgatas encarecéronse

Por último, o Grupo Municipal do BNG xa criticara o dispendio do Goberno do Sr. Negreira na cabalgata de reis, ao ser licitada por un importe o duplo de cara que en anos anteriores. Así, mentres no 2009, no 2010 e no 2011 o importe de licitación da cabalgata era de 35.000 euros, coa chegada do PP ao Goberno de María Pita duplicouse, practicamente, o importe de licitación, até os 63.000 euros o pasado ano e no presente exercicio até os 65.000 euros.

Estes 51.9919,01 euros, importe da adxudicación, súmanse aos 72.479 euros que gastará o Concello en converter a praza de María Pita en Laponia, un dispendio, máxime, con 22.929 parados e paradas só na cidade da Coruña.

 

 

A adxudicación da cabalgata, unha nova chapuza ilegal do Sr. Negreira