O PP denégalle ao BNG o acceso aos resultados da auditoría de Nostián
A Coruña, 10 de novembro de 2012.- O Goberno municipal, practicando a súa habitual opacidade, volveu impedirlles aos e ás concelleiras do BNG o acceso a documentación municipal. Desta vez, o obxecto do impedimento é o resultado das auditorías de Nostián. Os nacionalistas cualifican de tomadura de pelo e de inconsistentes as razóns da Alcaldía para denegarlles a consulta do resultado das auditorías. O Goberno municipal considera que os e as concelleiras nacionalistas non poden acceder porque as auditorías son un antecedente para a resolución dun procedemento. Porén, o Grupo Municipal do BNG reclamaba o acceso ás auditorías, non ao que o Goberno do Sr. Negreira resolva sobre a xestión dos residuos de Nostián.
Pola outra banda, a Alcaldía, que viola, unha vez máis, o artigo 23 da constitución ao impedir que os nacionalistas poidan consultar documentación municipal, sinala que por decreto de 2 de novembro de 2012 acordouse prorrogar o prazo para ditar resolución sobre esta petición e non existe tal prórroga no procedemento legal á documentación. Ademais, o decreto non especifica o prazo da prórroga.
Á vista da resolución, o Grupo Municipal do BNG, que sinala que o único requirimento estabelecido para o acceso á información municipal é que o expediente obre nas dependencias municipais e que sexa precisa para a labor dos concelleiros, non descarta acudir aos tribunais por vulneración de dereitos fundamentais, como xa fixo no caso da denegación do acceso á información da Compañía de Tranvías, en que foi condenado o Goberno do Sr. Negreira.
O Grupo Municipal do BNG, que considera que o Goberno segue a negociar con Albada ás agachadas, pretendía coñecer os incumprimentos que hai por parte da empresa respecto do volume de tratamentos rexeitados. Unha vez se coñeza o resultado das auditorías poderase determinar de que parte é responsábel Albada e de que parte é responsábel o Concello, en función do contrato da concesión.