O 3º modificativo: para pagar facturas que Negreira coñecía desde febreiro

O 3º modificativo: para pagar facturas que Negreira coñecía desde febreiro

A Coruña, 26 de outubro de 2012.- O Grupo Municipal do BNG advirte de que o terceiro modificativo do orzamento, no que vai de ano, responde, principalmente, a mudanzas que deberían ter sido obxecto de incorporación ao orzamento do 2012 ou ás dúas anteriores modificacións, ou mesmo ao plan de axuste. E é que o Goberno municipal coñecía, ou debería coñecer, a meirande parte dos importes a pagar a maiores. Os nacionalistas poñen de manifesto que os créditos extraordinarios e os suplementos de crédito correspóndense con partidas orzamentarias que o Goberno do Sr. Negreira coñecía cando aprobou as dúas anteriores modificacións do orzamento. Demóstrase, así, que as contas do Goberno municipal son unha chapuza, un artificio contábel que ten que ser modificado repetidamente pola incompetencia e a falta de previsión do Sr. Negreira e dos seus concelleiros.

Os nacionalistas poñen como exemplo de créditos extraordinarios o caso do bonobús (686.690,22 euros) e dos residuos urbanos (404.476,76 euros). Ambos os casos correspóndense con facturas de decembro de 2011 e presentadas en febreiro de 2012, polo que o Goberno do Sr. Negreira, tiña coñecemento delas cando aprobou o plan de axuste baixo a coartada do pagamento das facturas a provedores, o 30 de marzo de 2012, cando modificou por vez primeira o orzamento, aprobado definitivamente o 9 de xullo de 2012, e no segundo modificativo, aprobado definitivamente o 10 de setembro.

Curiosamente, no informe sobre a xustificación de recoñecemento extraxudicial do crédito para pagar a factura de residuos urbanos sinálase que a factura correspondente a novembro entrou no mecanismo de pago a provedores, e non así a factura que nos ocupa, do mes de decembro. Precisamente, o Goberno municipal transferiu os 404.476,76 euros da factura dos residuos urbano da partida de limpeza viaria, cos prexuízos que suporá este recorte en saneamento e hixiene de rúas.

O Goberno municipal mentiu cando dixo que ía poñer o contador a cero

Acontece o mesmo que no caso do bonobús e dos residuos urbanos coa sentenza firme que insta o Concello a pagar 102.714 euros en concepto de indemnización por unha licenza mal concedida a un pub. Esta sentenza, advirte o BNG, é do 28 de marzo de 2012, polo que o Goberno municipal tivo coñecemento dela a tempo de incorporala aos dous anteriores modificativos.

"Á vista destes casos é obvio que o Goberno municipal mentiu cando dixo que ía poñer o contador a cero, tanto ao aprobar o plan de axuste como os dous modificativos anteriores", sinalan os nacionalistas.

O BNG desmonta as falacias sobre as facturas de teléfono

Pola outra banda, o Grupo Municipal do BNG chama a atención sobre o suplemento de crédito para os contratos de telefonía móbil e fixa. Os nacionalistas critican a demagoxia do Goberno municipal ao transmitirlles aos medios a necesidade de pagar 109.180,59 euros "de facturas de teléfono del bipartito".

O BNG desmonta á falacia da concelleira de Facenda, xa que o montante global deste suplemento non son 109.180,59, senón 216.160,87 euros, dos que 106.980,28 corresponden á etapa do Goberno municipal. Ademais, os nacionalistas expoñen que non se trata de facturas que quedaran sen pagar, senón que corresponden á regularizacións.

Chapuzada en Someso: o Goberno municipal era plenamente consciente do pago dos 700.000 euros

No que ten a ver con Someso, o Grupo Municipal do BNG afirma que o Goberno era plenamente consciente de que tiña que aboar 700.000 euros das indemnizacións. Lembran os nacionalistas que o calendario de pagamentos foi acordado en xaneiro deste ano cos particulares (e mesmo, como pode comprobarse na hemeroteca www.coruna.es, 12 de xaneiro, o Goberno municipal informara doutro importe de pago).

 

O 3º modificativo: para pagar facturas que Negreira coñecía desde febreiro