A 15 de decembro de 2014, o Goberno do Sr. Negreira tiña sen executar o 56,7% do investimento
A Coruña, 26 de decembro de 2014.- Despois de ter acceso ao expediente relativo á solicitude de autorización ao Ministerio de Facenda para a formalización dunha operación de crédito para cancelar a débeda co fondo para o financiamento de pago a provedores, o Grupo Municipal do BNG denuncia que a 15 de decembro de 2014 o Goberno do Sr. Negreira tiña sen executar o 56,7% do investimento; é dicir, cando faltaban 15 días para que rematase o ano, o Goberno local tiña sen executar 36.181.822,12 euros do gasto de investimento.
45.673.107,44 euros eran os créditos totais do capítulo 6 de investimentos reais, destinado a novos equipamentos e infraestruturas ou adquisición de bens inventariábeis no orzamento aprobado para o ano 2014, e 18.133.772,80 euros eran os créditos totais do capítulo 7 de transferencias de capital. A 15 de decembro de 2014, había recoñecidas expresamente obrigas por valor de 23.107.979,16 euros de investimentos reais e de 4.517.077,96 euros de transferencias de capital. Deste modo, quedan aínda por executar 36.181.822,12 euros do gasto de investimento.
Tamén o estado de execución reflicte que do que levamos de ano estase gastando máis do que se ingresa, e é que a recadación líquida a 15 de decembro de 2014 sinalaba que en caixa había 131.224.850,14 euros, mentres que se levaba pagado xa (pagos líquidos) 189.396.097,65 euros; é dicir, unha diferenza de 58.171.247,51 euros.