Volven fallar as previsións do Goberno local respecto da subvención do Estado ao bus
A Coruña, 26 de decembro de 2014- O Grupo Municipal do BNG vén de ter acceso aos datos relativos á subvención estatal ao transporte urbano, unha subvención de 1.336.387,36 euros, un total de 163.612,46 euros menos do previsto. E é que o Goberno do Sr. Negreira estimou nos orzamentos municipais de 2014 unha axuda estatal ao autobús de 1.500.000 euros, a mesma cantidade que volve recoller nos orzamentos municipais de 2015.
As nacionalistas sinalan que a conta desta subvención estatal estabelécese en función da documentación que remitiu o Concello e que contén os datos de xestión do servizo (resultados de explotación da concesionaria) e das subvencións municipais á Compañía de Tranvías. Denuncian que desde o 2010 a axuda do Estado ao autobús urbano caeu un 63,8%, dos 2.093.748,74 euros aos 1.336.387,36 euros deste ano e que, a pesar disto, o Goberno local segue a teimar en disparar as previsións.
Malia recibir menos axudas do Estado do previsto, o Concello subvenciona con máis cartos municipais a Compañía de Tranvías e, polo tanto, aumenta os seus beneficios millonarios. Para rachar con este desfase que prexudica o pobo e favorece o negocio da empresa concesionaria, as nacionalistas insisten na necesidade de reclamar a revisión da concesión. De non facelo, as subvencións municipais irán a máis e as tarifas este ano conxeladas con motivo das eleccións municipais e por conta de non acometer a suba perceptiva nos salarios dos traballadores- seguirán a encarecerse. Neste sentido, o Bloque apunta que a revisión da concesión debería acometerse para rebaixar as tarifas sen prexudicar o salario do persoal. Isto pode facerse a través do cómputo na fórmula polinómica do beneficio de explotación da empresa e das subvencións municipais que lle outorga o Concello.
As previsións do Goberno do Sr. Negreira son erradas
O Grupo Municipal do BNG critica as previsións do Goberno do Sr. Negreira en relación á subvención estatal e tamén á municipal ao Compañía de Tranvías. Amais dos 1,5 millóns que prevé ingresar en 2015 en concepto de subvención estatal para o autobús, unha cantidade avultada á vista das axudas recibidas, o Goberno local prevé subvencionar a Compañía de Tranvías en 2015 con 7,5 millóns, un montante claramente insuficiente. O BNG salienta que o propio interventor do Concello advertiu no informe que acompaña os orzamentos municipais que tampouco existe xustificación de que vaia ser suficiente para dar cobertura ás obrigas que devenguen en 2015 por este concepto.
Tamén nos orzamentos de 2014 o Goberno local consignou 7,5 millóns para a Compañía de Tranvías, mais viuse na obriga de aumentala en 1,8 millóns no primeiro modificativo de crédito aprobado en 2014, xa que a cantidade inicialmente orzada era insuficiente, tal e como advertira o BNG. Así, no que levamos de ano, o Concello leva destinado á subvención da Compañía de Tranvías 9,3 millóns de euros.