Soto non encontra xustificación a que se poñan filtros ao envío dos expedientes do Concello cando son solicitados pola fiscalía
A instrución pretende centralizar eses envíos, isto é, que pasen por un filtro previo, o da Asesoría Xurídica Municipal.
A xuízo de David Soto, este requisito -esta obriga de facer pasar a remisión dos expedientes pola Asesoría Xurídica- non se sostén do punto de vista técnico.
“A remisión de expedientes á Fiscalía non esixe ningún formato determinado, como si acontece perante os órganos xudiciais”, argumenta Soto. “O labor da Fiscalía é promover a acción da xustiza en defensa da legalidade e nesa función o seu funcionariado actúa con plena imparcialidade. O principio que debe informar as relacións do Concello coa Fiscalía é de absoluta confianza e iso desaconsella engadir filtros innecesarios antes de enviar os expedientes que a Fiscalía solicita”, esténdese.
Para o concelleiro do BNG, a instrución vai contra o espírito da época, “en que a lexislación pretende facilitar as denuncias e en que se intenta avanzar na transparencia dos poderes públicos”.
Por todo isto, Soto esixiulle ao Goberno Local a retirada da instrución, “porque non é oportuna, contravén o principio de economía procesual e porque o Concello debe ter un indubidábel compromiso de colaboración coas autoridades penais no esclarecemento dos feitos con posíbel relevancia penal”.
Por súa parte, o portavoz do Goberno Local, José Manuel Lage, recoñeceu que o asunto admite interpretacións distintas, ao tempo que defendeu o criterio de que a Asesoría Municipal “acorta tempos e evita erros”.