Para Avia Veira, o récord dos buses na Coruña é o da súa deterioración, froito da falta de planificación do Goberno Local
Perante a propaganda gobernamental sobre as cifras récord do bus urbano, Avia Veira contrapuxo o “récord da deterioración do servizo”.
“Non é normal que a mediodía se colles a liña 6 ou 6A teñas que ir no bus como sardiñas en lata. Non é normal que a frecuencia de paso na liña 1, que antes era de 10 a 15 minutos, agora sexa de 20 a 25 minutos. Non son normais as terríbeis conexións cos centros hospitalarios nin os problemas coas ramplas de acceso aos vehículos para as persoas con mobilidade reducida”, denunciou.
O único responsábel de que non vaiamos a ter un novo contrato do transporte público urbano até 2027 é o Goberno Local, afirmou Veira. “A concesión caducou en decembro de 2024. Tiveron tempo de abondo para ter os pregos e licitar cando era debido para evitar a precariedade do servizo”, engadiu.
A precariedade non é escusa para a inacción. “Se poñen lanzadeiras para os concertos ou para os partidos do Dépor é proba de que si poden actuar. Non poden permanecer impasíbeis durante dous anos mentres a calidade do servizo continúa a se deteriorar”, concluíu.
Na derradeira das preguntas orais, David Soto levou ao Pleno o mal estado en que se acha o núcleo do Bosque e pediu un maior compromiso do Goberno Local coas zonas rurais existentes no Concello.