A TRAVÉS DUNHA MOCIÓN PARA O #PLENOABRIL DESTE XOVES 9A
Soto defende que sexa a Xunta quen financie o novo mapa de rutas de Alvedro
Así o considera o BNG e ese será un dos fíos condutores da moción que o noso concelleiro David Soto vai defender no Pleno do vindeiro xoves 9 de abril.
“Cómpre liberar o Concello dunha competencia que non lle é propia. Se queremos ter un sistema aeroportuario galego eficiente, a Xunta debe coordinar as distintas terminais como o BNG defendeu historicamente. Celebramos que a Xunta dese agora un paso adiante -co anuncio dunha comisión de coordinación-, mais pedímoslle que o faga tamén do punto de vista financeiro. Alén diso, tamén debe mellorar as conexións de transporte intermodal entre os distintos aeroportos e o enlace con transporte público entre as cidades -A Coruña por suposto, mais tamén Ferrol e Lugo, por exemplo- e Alvedro”, afirma o noso concelleiro.
Cómpre liberar o Concello de competencias que non lle son propias
O BNG desde logo vaille pór deberes ao Goberno Local. “Queremos debater no Pleno as propostas que o Concello debe levar a esa comisión de coordinación anunciada pola Xunta. Ese é o cerne da nosa moción”, remarca.
“É hora de que o Goberno Local lle esixa á Xunta que se faga cargo das súas competencias e que por tanto sexa ela quen, como ocorre noutras comunidades autónomas, financie as rutas aéreas, liberando o noso Concello dunha carga financeira moi gravosa”, conclúe Soto.