UNHA MOCIÓN PARA O #PLENOABRIL DESTE XOVES 9A

Avia Veira insta o Goberno Local a que mellore xa as conexións por transporte público co CHUAC

Avia Veira transporte urbano bus.
A nosa candidata á Alcaldía, Avia Veira, vai levar ao Pleno deste xoves unha moción para a mellora das conexións co CHUAC, claramente afectadas polas obras en curso, con propostas que teñen como denominador común darlle prioridade ao transporte público.

Esta é unha iniciativa que ten como propósito mellorar o día a día das traballadoras e traballadores do complexo hospitalario, mais tamén dos e das doentes que acoden ao hospital.

“O Chuac sempre tivo problemas de conexión e de mobilidade -falta de prazas para aparcar, transporte público deficiente-, pero agora mesmo estanse agravando por mor das obras en curso.Todas as persoas que acoden ao CHUAC fano ou por traballo ou por motivos de saúde. Todas elas desde logo que merecen unha mobilidade digna”, remarca a nosa concelleira.

Na moción, o BNG pide que se aumente o número de buses que, transitando polas liñas actuais, van ao hospital, mais ao tempo demanda que, mentres non se adxudicar o novo contrato (o actual está prorrogado) se estude a implantación de novos enlaces co CHUAC.

Xa pensando no novo contrato, o BNG defende que se aumenten as conexións, as frecuencias e tamén os horarios, á vez que se revisen os escasos itinerarios que permiten o acceso a pé ao hospital, de modo a garantir a seguridade dos peóns (pasos de cebra, iluminación e estado das beirarrúas).

Igualmente, Avia Veira insta a Xunta a que mellore a conexión cos concellos da área sanitaria por transporte público (o inter-urbano é competencia da Administración autonómica) e empraza o SERGAS a que, de acordo co resto de organismos públicos competentes, promova a dotación dun aparcadoiro disuasorio para o persoal que traballa no CHUAC, un equipamento que estea ben conectado con buses lanzadeiras específicos, coas necesarias frecuencias e horarios amplos.

Avia Veira insta o Goberno Local a que mellore xa as conexións por transporte público co CHUAC