QUER NO CONCELLO, COMO XA FIXEMOS NO MANDATO ANTERIOR, QUER NO PARLAMENTO GALEGO
O BNG toma a iniciativa para impulsar a Área Metropolitana da Coruña
Esta evidencia levou o BNG a desenvolver esta tarde un acto público -na Praza de Santo André- en que tomaron a palabra os portavoces nacionalistas na Coruña, Francisco Jorquera; Culleredo, Tono Chouciño; Arteixo, Xurxo Couto; Cerceda, Alberte Sánchez; e Sada, Emilio Graña, ben como tamén as concelleiras Avia Veira e Mercedes Queixas (deputada provincial e parlamentar no Hórreo, respectivamente) e o responsábel comarcal do Bloque, Dani Carballada.
“A Coruña é unha península, non unha illa. E por iso imos empregar a forza que nos deron as coruñesas e coruñeses, facendo que sexamos a forza chave e decisiva neste mandato no Concello, para que A Coruña impulse e lidere o proceso de creación da Área Metropolitana”, remarcou no seu discurso Francisco Jorquera.
O portavoz nacionalista lamentou que o pasado mandato fosen 4 anos perdidos á hora de avanzar cara á constitución da Área Metropolitana.
En efecto, en outubro de 2019 o Pleno do Concello, a iniciativa do Goberno Local, acordou o inicio do procedemento de creación da entidade metropolitana. “Nada se fixo”, subliñou Jorquera. En agosto de 2021, o voceiro do Goberno Local anunciou que se presentaría un anteproxecto no mes de setembro dese mesmo ano. “Nada se fixo”, reiterou Jorquera.
A ausencia de vontade política do Executivo coruñés explica por que non se deu ningún paso. O contraste púxoo a iniciativa dun BNG que levou até dúas mocións ao Pleno, aprobadas, mais incumpridas.
“Non só iso”, denunciou Jorquera, “senón que a alcaldesa declarou que ‘a creación dunha área metropolitana constituída legalmente é unha quimera’”, propondo como alternativa unha sorte de consorcio metropolitano. “Mais tampouco se fixo nada para o constituír ou para mancomunar cos concellos da comarca a prestación dos servizos”, alegou.
Para o BNG, desde logo a Área Metropolitana non é unha quimera, senón unha necesidade. “Se falamos de realidades, A Coruña non remata na Ponte da Pasaxe. Milleiros de persoas residen nos concellos da contorna, pero traballan na Coruña ou acoden acotío á nosa cidade e o mesmo ocorre á inversa”, razoou.
O que si é quimérico é pretender deseñar A Coruña do futuro en materias como o transporte ou a xestión do lixo “sen articular esa realidade metropolitana”.
O exemplo témolo en Nostián. “Non é de recibo que o Goberno Local da Coruña pretendese decidir o futuro da planta sen contar e nen sequera informar ao resto dos concellos que xa tratan nela os seus residuos”, concluíu.