Queixas pide unha auditoría sobre a xestión do Consorcio para a Promoción da Música, cun déficit de 1,2 millóns de euros

Consorcio Promoción Música
A concelleira do BNG Mercedes Queixas demanda que, ante a súa delicada situación económica, se faga unha auditoría da xestión do Consorcio para a Promoción da Música e se elabore un plan estratéxico que garanta a viabilidade dunha entidade da que dependen proxectos culturais claves para a cidade, a Orquestra Sinfónica de Galicia e a Escola Municipal de Música.
Queixas pide unha auditoría sobre a xestión do Consorcio para a Promoción da Música, cun déficit de 1,2 millóns de euros

Queixas fixo estas propostas no curso da Xunta de Goberno do Consorcio para a Promoción da Música, que se reuniu onte no Pazo de María Pita.

No curso da xuntanza -Queixas celebrou que a Xunta de Goberno se reunira, “despois de máis dun ano de espera” e de o ter demandado o BNG a través dun rogo oral no Pleno de novembro de 2023-, a concelleira nacionalista expresou a desconformidade do BNG “coa decisión de o Consorcio [presidido pola alcaldesa] non presentar orzamento para o 2024 e prorrogar o de 2023, sendo que o Concello da Coruña si dispón de contas aprobadas para executar desde o 1 de xaneiro”.

O balance económico do Consorcio é negativo, cun déficit de 1,2 millóns de euros, o que fai aínda máis incomprensíbel a decisión de prorrogar as contas, sobre todo tendo en conta que, froito do acordo co grupo municipal do BNG, nos orzamentos do Concello para 2024 -que entraron en vigor a principios deste ano- se acrecentou en 250.000 euros a partida destinada ao Consorcio para a Promoción da Música.

Na análise da situación económica do Consorcio, Queixas puxo o acento nos “elevados custos do aluguer do Pazo da Ópera”.

“Non se entende”, razoou, “como desde o Goberno Local non se renegocian, xa que se trata dunha concesionaria municipal, nin se lle require ao concesionario o cumprimento das actuación comprometidas no contrato en relación ao mantemento do edificio, nun estado de conservación lamentábel, e en relación tamén ás condicións de seguridade, como recentemente ten sido denunciado a raíz de se produciren novos roubos de enseres persoais das e dos músicos”.

O outro aspecto que explica as dificultades económicas polas que atravesa o Consorcio -e que poden condicionar a continuidade dos proxectos da Orquestra Sinfónica de Galicia e da Escola Municipal da Música- é a débeda que mantén coa entidade a Xunta de Galiza. E nese sentido Queixas botou en falta “unha maior firmeza” por parte do Executivo coruñés á hora de lle demandar a Xunta o cumprimento das súas obrigas financeiras coa Orquestra. “Estamos a falar dunha débeda importantísima, de cinco millóns de euros”, remarca.

Canto á Escola Municipal de Música, anota Queixas que remata a concesión dentro de 4 meses e que a esta altura “nada se sabe de cal é o proxecto de futuro para un centro de formación musical de base, fundamental na cidade”, concluíu.

 

 

 

 

Queixas pide unha auditoría sobre a xestión do Consorcio para a Promoción da Música, cun déficit de 1,2 millóns de euros