CONFERENCIA DE PRENSA DE AVIA VEIRA

Propostas de mobilidade para termos unha Coruña con menos ruído, máis saudábel e mellor conectada

Conferencia de prensa de Avia Veira sobre mobilidade, 11 de maio de 2026.
Avia Veira, momentos antes de comezar a conferencia de prensa
A candidata do BNG á Alcaldía, Avia Veira, lanzou este luns unha batería de propostas para mellorar as políticas de mobilidade que se realizan desde o Concello.
Propostas de mobilidade para termos unha Coruña con menos ruído, máis saudábel e mellor conectada

Inés Rey presentouse ás eleccións de 2019 co lema Para que A Coruña funcione. Pois ben, sete anos despois, en materia de mobilidade, desde logo non funciona e o que vemos é que o contrato do bus urbano está caducado, os VTC incumpren a lexislación autonómica e a propia Ordenanza de Mobilidade, mentres as obras dan que falar e non se garante a accesibilidade universal para todas as persoas con independencia da súa condición ou idade”, afirmou a concelleira nacionalista nun encontro cos medios.

“Quero ser a alcaldesa dunha cidade con menos ruído, máis saudábel, mellor conectada e con máis benestar”, engadiu.

E con ese propósito no horizonte, o BNG defende reforzar a mobilidade peonil, o que implica garantir a accesibilidade universal, ampliar beirarrúas, crear corredores peonís, aumentar os tempos dos semáforos, e instalar elevadores nas rúas onde o seu desnivel o fixer preciso.

Avia Veira. Conferencia de prensa de mobilidade, 11 de maio de 2026.
Avia Veira, durante o encontro cos medios

Canto ao transporte público, e en contraste cun Goberno Local que deixou caducar o contrato do bus urbano, o BNG defende a posta en marcha do carril bus, a reordenación das liñas para conectar os barrios entre si, e garantir os enlaces cos hospitais, os centros de ensino e os polígonos, ben como tamén aumentar as frecuencias.

“E fronte á cidade sen lei dos VTC dunha Inés Rey que permite que se incumpra a lexislación autonómica e a Ordenanza de Mobilidade, o BNG propón a defensa do servizo do taxi e a súa mellora”, enfatizou.

A respecto de BiciCoruña, para Veira é fundamental “acometer a mellora integral do servizo” e rematar co contraste existente entre as estacións dos barrios, con moita frecuencia baleiras, e  as dos centros, normalmente cheas de bicicletas.

A mobilidade que precisa A Coruña pasa tamén por mudar a política de aparcadoiros públicos e, nese sentido, Veira apuntou a necesidade de rescatar as concesións daqueles que teñen a concesión caducada, ben como tamén impulsar acordos co pequeno comercio, a hostalaría e as empresas para o uso destes equipamentos. De resto, o BNG contempla a instalación de aparcabicis nos aparcadoiros soterrados.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

 

Propostas de mobilidade para termos unha Coruña con menos ruído, máis saudábel e mellor conectada